O CEIP de Marcón celebrou este venres no recinto escolar unha carreira solidaria a favor de Save The Children. Con esta inciativa o colexio súmase a esta ONG para colaborar cos seus fins sociais.
A actividade desenvolveuse durante dúas horas. A ela estiveron convidados todos os membros da comunidade educativa, entre os que estaba alumnado, profesorado e familias.
A carreira organizouse en dous circuitos, unha para o alumnado de infantil e o seu profesorado e familia e outro para os de primaria. A participación foi voluntaria e dando a posibilidade de que cada quen correra o que puidera. Ademáis, a achega económica tamén foi voluntaria e dedicada integramente a Save the Children.
Desde o colexio indicaron que "pretendemos deste xeito colaborar coa asociación e fomentar hábitos de vida saudables á vez que fomentamos a colaboración familia-escola e a Competencia Cidadá". Esta última contribúe a que o alumnado poida exercer unha cidadanía responsable e participar plenamente na vida social e cívica na procura dun compromiso activo coa sostibilidade e o logro dunha cidadanía mundial.