Carmen Salinero propón un reto no inicio da Peregrina: "Sentídevos como eu me sinto, orgullosa da nosa Pontevedra!"

Pontevedra
13 de agosto 2022

O balcón do Pazo de Mugartegui acolleu este sábado 13 de agosto o acto que dá inicio ás Festas da Peregrina, o pregón de Carmen Salinero Corral, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. A científica estivo acompañada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e pola presidenta da Deputación, Carmela Silva

Pregón de Carmen Salinero PontevedraViva

Leva 42 anos en Pontevedra e confesaba no balcón do Pazo de Mugartegui sentirse máis nerviosa que nunca. Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, foi presentada pola concelleira de Festas, Carme da Silva, para a continuación contar ao público a súa relación coa cidade e o seu obxectivo desde nena de ser investigadora mariña.

Defendeu o papel da muller dentro de todos os ámbitos sociais e lembrou que mentres estudaba a súa carreira universitaria cosía e calcetaba unha canastilla para un bebé que tivo que entregar á Sección Feminina a cambio da cartilla que lle permitía continuar na Universidade. Reivindicou a igualdade de trato e de oportunidades: "todas somos iguais, todas somos persoas".

Despois detívose na súa chegada ao investigación no Centro Forestal de Lourizán en 1980. Agradeceu a Agustín da Mata que lle seleccionase para a súa primeira experiencia profesional e sinalou que en Lourizán coñeceu a Pedro Mansilla, o seu compañeiro de vida e traballo e pai dos seus fillos, pontevedreses de nacemento. Mostrou a súa satisfacción polo principio de acordo para recuperar o Pazo de Lourizán, edificio emblemático.

Tamén fixo un repaso á súa relación coa camelia e citou a Blanco Amor que se refería a elas como "as frores de camelia semellaban luciñas de coor". Lembrou o Congreso Internacional celebrado en 2014 en Pontevedra con esta flor como principal protagonista. A continuación fixo fincapé no patrimonio vexetal de Galicia e na importancia da investigación agrícola e forestal como punto fundamental para o futuro da alimentación humana, engadindo que a cidade de Pontevedra é privigeliada ao contar con tres centros de investigación que traballan na mellora dos cultivos, no aforro de enerxía e auga e na redución de residuos e de fitosanitarios.

Carmen Salinero, andaluza de nacemento, finalizou a súa intervención pedindo ao público que ría, cante e baile para sentirse "como eu me sinto, orgullosa da nosa Pontevedra".

Tras os aplausos, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañaba a Salinero no balcón xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, referiuse á necesidade que a cidadanía ten de abandonar o mal recordo provocado pola pandemia e convidou a gozar as festas dando o chupinazo de arranque dos festexos.

Ao acto asistían representantes de todos os grupos con representación na corporación municipal. Non se rexistraron incidentes aínda que ata a contorna achegáronse representantes da asociación de veciños Moldes-Mourente, que buscan unha solución para o cruzamento do novo vial da estrada de subida a Montecelo ao afectarlles ás súas propiedades.