Carmen Pomar, conselleira de Educación, comproba as medidas de seguridade adoptadas no IES Sánchez Cantón

Pontevedra
04 de xuño 2020

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou no centro o alumnado de segundo de Bacharelato que decidiu voluntariamente incorporarse ás clases presenciais. Percorreu tamén as instalacións para comprobar a adopción das medidas de seguridade sanitaria e agradeceu o traballo realizado por toda a comunidade educativa durante estes meses

Carmen Pomar, conselleira de Educación, no IES Sánchez Cantón Xunta de Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitaba este xoves o Instituto de Secundaria Sánchez Cantón. Alí mantivo un encontro co profesorado e cos estudantes de segundo de Bacharelato que seguen, de forma voluntaria, as clases de maneira presencial desde o pasado 25 de maio.

Segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia, ao redor do 45% do alumnnado deste curso acode a clase diariamente. A conselleira animou tanto a estes estudantes como aos que seguen as clases desde as súas casas a que continúen estudando e esforzándose neste tramo final de curso de cara ás probas de acceso á universidade.

Carmen Pomar agradeceu o traballo que durante estes últimos meses realizaron, tanto os docentes como os estudantes, equipos directivos e as familias para que continuase a formación e a actividade lectiva desde o fogar, sobre todo, nos días do inicio do confinamento.

Ademais, a máxima responsable da Educación en Galicia realizou unha visita ás instalacións do Sánchez Cantón para comprobar as medidas que se adoptaron nos diferentes espazos atendendo ao protocolo sanitario.