A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación desenvolverá, entre o 21 e o 28 de abril, unha semana de actividades abertas ao público, baixo o título de Culturkata 2022.
O vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez, explica que "coincidindo co Día Mundial da Creatividade, pensamos en recuperar, despois deste tempo de pandemia, o concepto de Culturkata, que era unha actividade que viña celebrándose tradicionalmente na semana previa á celebración da patroa da facultade".
Así, nas datas previas ao día de Santa Catarina de Siena, o 29 de abril, o centro acollerá unha exposición de proxectos de produtos innovadores ideados polo alumnado, xunto cunha serie de conferencias e coloquios protagonizados pola conselleira delegada de Leite Río, Carmen Lence, e por catro profesionais formadas na facultade.
Carmen Lence intervirá o martes 27. Ela foi elixida en 2021 entre as cen mulleres con liderado máis influentes de España pola organización Mujeres&Cia. Será presentada polo presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Víctor Nogueira.
Previamente, o luns 25 esta semana abrirase coa conferencia "Creatividade e estratexia, perfect match", que impartirá a consultora e titulada en Publicidade e Relacións Públicas, Yolanda Vázquez.
Outras dúas graduadas en Comunicación Audiovisual protagonizarán o mércores 27 un coloquio conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e centrado na divulgación científica. Trátase de Noel Queipo e Carmen Rey, xestoras de comunicación no Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), respectivamente.
Por último, o xoves 28 intervirá a titulada en Publicidade e Relacións Públicas Lara López, que combina o seu labor como profesional coa súa colaboración na asociación Publicitarios Implicados.