A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva expresou a súa "profunda tristeza" porque o presidente da Xunta e líder do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, non a defende ante as últimas declaracións "machistas" do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, nas que, entre outras cuestións, cuestionaba a valía da mandataria socialista.
O alcalde do PP anunciou que recorrerá a sentenza que o condena como autor dun delito leve de falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións por chamar "chacha para todo" á presidenta provincial. Ademais dixo que Carmela Silva "no quiere que nadie la critique porque es una persona que no tiene valía" á que "colocaron a dedo en la Deputación".
Ante estas novas declaracións Carmela Silva expresou a súa "profunda desazón porque haxa xente así, xa non na política, na vida". A mandataria socialista ha afirmado que as últimas declaracións de Gonzalo Durán teñen un contido "profundamente machista".
Carmela Silva lembrou que ela foi a primeira muller portavoz dun grupo parlamentario no Senado, secretaria do Congreso dos Deputados, membro da Executiva Federal do PSOE, concelleira en Vigo asumindo áreas complexas como Urbanismo, Facenda, Patrimonio Histórico, a primeira muller en presidir a Deputación de Pontevedra. Ademais é licenciada en Dereito económico e diplomada en Maxisterio, especialista en Pedagoxía Especial.
"Digo todo isto porque as mulleres, incluso tendo ese currículo, aínda temos que escoitar que non temos nivel, que non servimos para nada e que ademais aínda dependemos dos homes para estar nos lugares nos que estamos. É dramático", valorou a presidenta.
"Xamais ocorre isto cun home", engadiu Carmela Silva, que lembra que "ninguén cuestiona o currículo do alcalde Lores ou do alcalde Caballero, ou do de Santiago ou do de Ferrol, cuéstionase sempre ás mulleres. E dá igual cal sexa a túa posición, a túa formación, os teus coñecementos, a túa traxectoria, e esa xente que fai iso, como fai o alcalde de Vilanova non merecen representar a unha sociedade avanzada".
Respecto a a actitude do presidente da Xunta sinalou que "o sinto moito máis profundamente" porque "nos representa a todas as galegas e galegos" e en tal condición "ten que defenderme como muller porque é unha obrigación do seu cargo non permitir que ocorran este tipo de situacións que temos que padecer as mulleres", dixo.
"Non hai dereito a que dous cargos políticos, un de tan alto nivel como o presidente da Xunta, non saian dicindo: presidenta da Deputación de Pontevedra como muller que recibes insultos machistas estou do teu lado. Iso é o que eu esperaba. Non ao lado de Carmela Silva que non o necesito, senón ao lado das mulleres que sufrimos insultos machistas por ser mulleres", dixo a presidenta pontevedresa.
Finalmente, tras indicar que con esta forma de actuar Núñez Feijóo "está retratado xa" se dirixiu ás mulleres que forman parte do Partido Popular ás que ela dixo defender cando "foron descualificadas ou insultadas", neste caso "a ningunha muller do Partido Popular escoiteina saír dicindo que era intolerable" o trato que recibiu por parte de Gonzalo Durán.
O PSOE RECLÁMALLE A FEIJÓO QUE "FAGA DIMITIR" AO ALCALDE DE VILANOVA
Os viceportavoces do Grupo Socialista Pablo Arangüena e Paloma Castro compareceron este venres publicamente para esixirlle ao presidente da Xunta e líder do PpdeG, Alberto Núñez Feijóo que "faga dimitir" ao alcalde de Vilanova "logo de ter reincidido nas súas descualificacións machistas e clasistas" contra a presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Vigo polas que fora condenado penalmente.
Pablo Arangüena sinalou que "o alcalde de Vilanova debe dimitir, e como non o vai facer, reclamámoslle ao señor Feijóo que en lugar de amparar vergoñentamente a ese individuo e facerse cómplice dos seus insultos, o faga dimitir".
Sinalou que do contrario "vaise demostrar que quen manda no PPdeG é a sección Vox, que di impunemente as maiores barbaridades" de forma conveniente para Feijóo "para telos dentro do PP e non fora como competidor político".
Paloma Castro emprazou ás deputadas do PP a manifestarse diante destes "ataques machistas", e reclamoulles unha condena destes feitos e contra unha conduta "non só moral, senón tamén xudicialmente condenable".