O Servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra, de asesoramento TIC ás pemes, persoas emprendedoras e autónomas da provincia, consolídase como a referencia do emprendemento en Galicia e sitúase entre os programas pioneiros do Estado, adiantándose, desde fai sete anos, como sinalou Carmela Silva, "ás grandes transformacións que promoven os Next Generation, porque quen non estea subido ao tren da transformación dixital e as TIC non vai poder continuar". "Hoxe esta Rede –apuntou- é unha gran familia de emprendemento, intelixencia e talento".
A presidenta da Deputación de Pontevedra presentou as novidades do Servizo para o período 2022-2024 e o balance destes últimos anos nun acto celebrado na Sede da Deputación en Vigo, no que participaron as asesoras e asesores de SmartPeme na provincia, representantes das empresas asesoradas así como a presidenta de Empresarias Galicia, Susana Pérez, o presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey e súa vicepresidenta María Buceta, e Rosa Fernández, xerente de AJE Vigo.
Emprendemento, Igualdade e Transición Ecolóxica serán tres dos novos eixos de traballo, xunto a outras dúas liñas de asesoramento tecnolóxico: Administración Electrónica e Ciberseguridade. Todas elas son liñas "que veñen de escoitar ao tecido empresarial", como explicou Carmela Silva, de acordo ás directrices de Europa e do Goberno de España "porque por aí van os fondos Next Generation, van ir os fondos estruturais e a Axenda 2030".
No primeiro caso, a nova liña de de Emprendemento, que reforza o labor realizada neste eido ata agora, "será un eixo fundamental para reforzar que as boas ideas poidan converterse en bos negocios con axuda das TIC", e estará enfocada a sentar as bases dos proxectos das persoas emprendedoras, facilitándolles a información relativa á creación do negocio e a viabilidade económico-financeira, e vinculada ás accións desenvolvidas nos viveiros da Deputación en Lalín e Barro.
A de Igualdade ofrecerá asesoramento para a creación dos obrigatorios plans de igualdade, o impulso de accións de igualdade nas pemes, e a potenciar o liderado feminino mediante o desenvolvemento de accións específicas, "porque a maioría das persoas emprendedoras en Galicia e España teñen nome de muller e queremos potencialo". "Non é so unha cuestión de dereitos, senón que está demostrado que cando se promove a igualdade na empresa, hai máis beneficios e sube o PIB", sinalou Carmela Silva.
A carteira de Transición ecolóxica centrarase no asesoramento e accións de capacitación específicas sobre cuestións clave como a economía circular, a sustentabilidade ou os ODS. "Hoxe unha empresa que incorpore o respecto ao medio ambiente ten máis posibilidades de éxito e imos favorecelo".
Amais, créanse tamén as carteiras específicas de Administración electrónica, para que persoas autónomas e pemes poidan adaptarse aos servizos dixitais das Administracións, "e axudar a xente a coñecer o longo procedemento administrativo e a formarse nestas cuestións", e a de Ciberseguridade, dirixida a que as firmas "poidan defendese dos ciberataques e ciberdelincuentes, que son hoxe un problema para grandes e pequenas empresas" con formación en prevención e capacitación.
BALANCE DESDE 2016
Desde a súa posta en marcha, SmartPeme ofreceu máis de 13.000 asesoramentos a máis de 1.800 empresas da provincia e case 2.000 talleres formativos con 20.000 persoas asistentes.
Datos que avalan, como destacou Carmela Silva, o traballo desenvolvido polas persoas que forman parte do servizo e tamén a aposta que fixeron as persoas e empresas participantes, "porque no 2016 xa sabiamos que a introdución das TIC nas pemes e nos proxectos das persoas autónomas era fundamental, e algo do presente, non do futuro".
Destacou que SmartPeme "foi un proxecto que logrou o que quería lograr: estar ao lado do emprendemento, persoas autónomas e pemes que son o 90% da economía do país", e subliñou a estratexia seguida desde a súa posta en marcha, que implicou o asesoramento sobre as ferramentas tecnolóxicas para mellorar a eficiencia e produtividade, a identificación dos puntos claves para os negocios, a imaxe dixital e a aposta por situar "a innovación no centro e por afondar na internacionalización" destas empresas.
Puxo tamén o acento no labor desenvolvida a través do servizo TurisTIC para empresas turísticas, "tendo en conta que somos o destino máis potente segundo os datos do INE e temos que seguir sendo a grande referencia", e desde a liña dedicada ao comercio, así como desde Centro Provincial de Economía Dixital (CPED) no Viveiro de Barro, e o traballo realizado coas firmas do Terceiro Sector e a formación do persoal dos Concellos.
EVENTOS E PREMIOS
Ademais dos citados novos servizos, realizaranse unha serie de eventos e actividades. Deste xeito, o 1 de xuño arrancará o I Programa de emprendemento no Viveiro de Barro, que ata o 31 de xullo ofrecerá formacións dinámicas e innovadoras e asesoramentos personalizados e no que participarán 12 proxectos, 8 liderados por mulleres e 4 por homes, para impulsar que a súa idea de negocio se converta en proxecto real e sostible a longo prazo. Son 4 iniciativas de Vigo, 3 de Pontevedra, 1 de Vilagarcía, 1 de Marín, 1 da Guarda, 1 de Barro e 1 de Tui.
Así mesmo, no viveiro de Lalín, organizarase outro programa despois do verán, neste caso para impulsar negocios xa consolidados. Estas dúas iniciativas complementaranse coas Aceleradoras de Turismo e Comercio, que desde 2018 teñen impulsado máis de 40 proxectos. No caso da de Turismo, presentarase o 27 de setembro coa presenza do secretario de Estado, Fernando Valdés.
Outra novidade serán os premios económicos que axuden a impulsar os proxectos máis sostibles, dixitais, rural ou innovadores. Deste xeito, celebrarase un novo Evento de desenvolvemento de solucións innovadoras e crearase un Premio anual de Emprendemento, "para poñer en valor as ideas da xente e amosar casos gañadores".
Amais, nesta nova etapa SmartPeme seguirá organizando actividades ligadas ás carteiras, entre elas o 13 de xuño un almorzo networking coa participación de Yaiza Canosa, fundadora e CEO de GO!, operador loxístico enfocado no transporte e montaxe e instalación de mercadorías, "unha grande referencia a nivel nacional".
Tamén se organizarán unhas xornadas de demostración de solucións tecnolóxicas para o sector turístico e o comercio retallista, amais da Xornada TurisTIC, que será xa a quinta edición dun evento de gran relevancia para o sector turístico.
Ademais, SmartPeme seguirá sendo o "altofalante das distintas iniciativas de dixitalización que desde outras administracións" axuden ao tecido empresarial da provincia. Deste xeito, o servizo xa estivo informando do Kit Dixital de Red.es, do que segue aberta a convocatoria ata o 15 de setembro para as empresas de entre 10 e 49 traballadores/as. A presidenta destacou que segundo os datos publicados a pasada semana, 3.000 empresas de las 6.500 que hai en Galicia deste segmento, xa solicitaron o Kit para poder dixitalizar os seus negocios.