Marín recibiu a intervención artística de Violencia Zero, a segunda edición desta mostra itinerante que xa está a percorrer 25 concellos da provincia ata outubro de 2017 e que quere contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres. A acción denominada "Esfolar un minotauro" contemplaba unha actuación poético-musical da man da poetisa Lucía Aldao, compoñente de Aldaolado.
A presidenta da Deputación Carmela Silva asistía a este acto, acompañada da alcaldesa da vila María Ramallo e da deputada provincial Isaura Abelairas. A presidenta provincial entende que se realiza violencia contra as mulleres ao ser estereotipadas nos medios de comunicación, cobrar un 24% menos realizando as mesmas actividades que as dun home, sufrir vexacións pola rúa en forma de palabras que non teñen que soportar, ou o feito de ter que temer a ir soas polas rúas durante a noite, entre outras moitas situacións nas que se atopan invisibilizadas ou infrarrepresentadas.
Pero, sobre todo, Carmela Silva insiste en que o peor é os centos de mulleres que sofren malos tratos físicos en Galicia, que nalgúns casos finalizan nun asasinato. E reclamou rematar coa lacra do machismo.
A actuación de Lucía Aldao centrouse en chamar a atención dobre dicir cruelmente as verdades para acabar dunha forma máis alegre. O proxecto 'Violencia Zero' ampliouse para ofrecer 365 días de rabia conxunta, apuntou Carmela Silva, co obxectivo de alzar a voz para denunciar a violencia machista. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, reclamou a unión de toda a cidadanía para obter resultados.
Esta segunda edición de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' amplíase ata 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro. Realizaranse dúas accións ao mes ata culminar cunha acción final en novembro de 2017.
Entre outros concellos, levarán a cabo intervencións en Cuntis, Bueu, O Grove, Poio, Caldas de Reis, Vilagarcía ou Meaño.