Carmela Silva invita a Rueda a unha reunión para falar "sen terceiros" do Pazo de Lourizán

Pontevedra
19 de outubro 2016

Haberá reunión entre Carmela Silva e Alfonso Rueda? Polo momento, hai ofrecementos cruzados pero sen que chegue a formalizarse. A última en reiterar a súa disposición para manter este encontro foi a presidenta da Deputación, que remitiu unha carta ao vicepresidente da Xunta en funcións, ofrecendo posibles datas. Iso si, sen Ence

Carmela Silva, presidenta da Deputación Mónica Patxot

Haberá reunión entre Carmela Silva e Alfonso Rueda? Polo momento, hai ofrecementos cruzados pero sen que chegue a formalizarse. A última en reiterar a súa disposición para manter este encontro foi a presidenta da Deputación, que remitiu unha carta ao vicepresidente da Xunta en funcións, ofrecendo posibles datas.

Pero iso si, con varios matices. A esta reunión asistiría acompañada de César Mosquera, vicepresidente provincial, e ten que celebrarse na Deputación, unha institución que "a coñece moi ben porque ven moi a miúdo". E ademais descarta a participación de "terceiros" -en relación a Ence- na mesma, porque do patrimonio público "non falo con empresas privadas".

A presenza da empresa neste encontro institucional "non ten sentido" porque, segundo Carmela Silva, "non teñen nada que ver" co Pazo de Lourizán, cuxa titularidade é da Deputación e que está cedido á Xunta, administración que ten por obrigación o mantemento e a rehabilitación deste inmoble.

"Que Rueda traia toda a documentación e as propostas que considere que temos que tratar", destacou a presidenta provincial, que reiterou que o pazo "é dos veciños de Pontevedra" e que, por tanto, as reunións para tratar o seu futuro teñen que ser entre administracións públicas que xestionan o patrimonio dos pontevedreses.

"Non vou a falar nada de Ence con Rueda", engadiu.

Ademais, Carmela Silva volveu a mostrar o seu enfado co vicepresidente da Xunta en funcións pola reunión que mantivo cos deputados do PP no Pazo Provincial, unha conduta que demostra que "ten poucos principios e condutas democráticas".

"Se salta á toureira os principios básicos da democracia e do respecto ás administración públicas", insistiu. Silva advertiu que "se considera que este é a forma de relacionarse" a partir de agora o PP "terá a mesma resposta" e o goberno provincial empezará a reunirse coa oposición nos concellos gobernados polos populares.

Neste sentido, ironizou con que "temos que xogar todos dentro do parchís", porque en caso contrario os que xogan por fóra, dixo, "gañan sempre".