Carmela Silva di que o PP de Galicia pasou de ser a "procesión dos caladiños" a poñer deberes a Pedro Sánchez

Pontevedra
04 de xuño 2018

Carmela Silva lembrou aos populares que hai uns días "estaban calados e non reclamaban nada", recomendando a todos que "hai que ser moi serios e rigorosos"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Paula Sanmartín

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou a aqueles membros do Partido Popular de Galicia que tras o cambio de Goberno do Estado pasaron de ser a "procesión dos caladiños" a poñer deberes ao novo presidente, Pedro Sánchez.

"A min sorpréndeme estes días escoitar a algúns responsables políticos do Partido Popular que estiveron caladiños como a procesión dos caladiños en cuestións que tiñan que ver con Galicia e coa nosa provincia e que agora xa mostraron un itinerario de cuestións a facer", sinalou a mandataria socialista.

Carmela Silva lembrou aos populares que hai uns días "estaban calados e non reclamaban nada", recomendando a todos que "hai que ser moi serios e rigorosos".

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra avanzou que "vou seguir reclamando que se goberne para a xente e iso parece ser que xa está no camiño", respecto doutro tipo de compromisos "paréceme que teñen menos importancia".

A xuízo de Carmela Silva o novo goberno de Pedro Sánchez estará conformado por persoas de "nivel", con "gran compromiso" e de destacadas traxectorias e "o importante" é que "veñen coas mans limpas e vanse ir coas mans limpas".

Para a presidenta pontevedresa "España estaba nunha situación insustentable cun goberno de Mariano Rajoy de corruptos" que "nos avergoñaban en toda Europa" polo que "era fundamental rematar coa indignidade do goberno do señor Rajoy, iso xa se cumpriu e por tanto eu xa estou satisfeita".

En "segundo lugar", Carmela Silva citou a situación "dramática" na que se atopan os pensionistas, "a pobreza que padecen moitas persoas", a igualdade e o mercado laboral que describiu como "absolutamente vergonzante".

Neste sentido anunciou que "aplaudirei con enorme paixón" algunhas decisións que xa se adiantaron como a recuperación de Ministerio de Igualdade, a creación dun comisionado para a loita contra a pobreza, e "estou segura que se van a tomar medidas ao redor das reclamacións dos pensionistas" do mesmo xeito que Carmela Silva tampouco mostrou dúbidas "de que se vai a tomar moi en serio todas as cuestións que teñen que ver co mercado laboral".

Finalmente, engadiu que o executivo de Pedro Sánchez adoptará decisións "para romper con todas as medidas tomadas polo Partido Popular en contra da democracia e da liberdade de expresión", apuntando que "a lei mordaza vai desaparecer do noso corpo lexislativo".

En resumo, a presidenta da Deputación citou entre as prioridades do novo Goberno: os dereitos sociais, a igualdade, as pensións, "un mercado laboral máis xusto e a recuperación da democracia e da dignidade para o noso país", un conxunto de medidas coas que Carmela Silva dixo que "con isto síntome absolutamente satisfeita e estou segura de que vai ocorrer".