A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compartiu este venres a súa "absoluta sorpresa" ante a actuación do grupo provincial do Partido Popular "un partido de orde, de dereitas, conservador, que se ten convertido nun partido de hooligans".
A mandataria socialista referíase deste xeito á campaña iniciada polo Partido Popular na que está a cambiar os antigos carteis oficiais nos que se anunciaban unhas obras da Deputación por outros paneis nos que denuncia a "paralización" do proxecto por parte da administración provincial. A pasada semana fixeron este cambio nunha estrada do concello de Meis durante un acto no que convocaron á prensa e este mércores repetiuse a escena na variante de Rebón, en Moraña.
Silva lembrou que os populares "xa foron capaces de vir asaltar o pleno da Deputación e converterse en escrachistas" polo que sinalou que están a actuar como "extremistas" facendo "aquilo que criticaban dos que eles chaman os novos partidos" e puntualizou que agora están a poñer estes carteis sen pedir permiso "por tanto están a saltarse a lei".
Neste caso, Carmela Silva puntualizou que agora o PP está a esixir con estes carteis que a Deputación "faga obras ilegais" xa que estes proxectos "non cumpren coa lei" en aspectos como a posta a disposición dos terreos necesarios ou que non contan coas autorizacións de Patrimonio, entre outras deficiencias.
En concreto, o proxecto da variante para o núcleo de Rebón foi anulado no mes de xullo pasado por non ter informe de Augas de Galicia a pesar de canalizar un regato, carecer de avaliación ambiental e non dispoñer de informe de Patrimonio aínda que discorre fronte a unha igrexa románica do século XII. Mesmo había un informe do arqueólogo provincial, que concluía que as obras afectaban "de forma inaceptable ao patrimonio cultural de Galicia".
Na rolda de prensa convocada para informar dos asuntos da Xunta de Goberno, Carmela Silva lembrou que a Deputación presentou "alternativas legais" tanto á alcaldesa de Moraña como ao alcalde de Meis, ambos os dous PP. E subliñou que "esta administración rachou co tempo de Louzán, no que as obras se facían sen procedemento, cheas de irregularidades, sen contar cos informes preceptivos doutras administracións e incumprindo en moitos casos as normas".
Carmela Silva puxo como exemplo desta forma de actuar do anterior goberno presidido polo popular Rafael Louzán á Pousada de Ribadumia que está paralizada porque foi construída nun terreo que é propiedade do Arcebispado polo que o Concello non pode conceder a licenza. "É isto o que queren os alcaldes do Partido Popular? pois non, por aí non imos ir", dixo.
Finalmente, a presidenta da Deputación lamentou que con este tipo de accións de protesta o PP "engane aos veciños", criticou Silva.