Carmela Silva, "alucinada" coas críticas do PP á xestión da Deputación no polígono de Barro

Barro
09 de agosto 2018

A presidenta provincial asegura que desde a oposición " din xeneralidades sen datos" e encomia o funcionamento do viveiro de empresas instalado en Barro e a situación dun polígono con "parcelas que as empresas máis destacadas de Galicia están a comprar"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, saíu ao paso este xoves ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a xestión do polígono industrial de Barro-Meis, nas que acusaban á administración de pasividade.

"Eu quedo alucinada", sinalou con incredulidade a dirixente provincial asegurando que os deputados da oposición "din xeneralidades sen datos".

Silva defendeu o bo funcionamento do polígono, empezando polo viveiro de empresas instalado no lugar que "está completo" do mesmo xeito que as naves e seguindo por unhas parcelas que "as empresas máis destacadas de Galicia están a comprar", explicou.

Ademais adiantou que no novo proceso aberto para vender parcelas do polígono industrial haberá novidades "en pouco tempo".

A presidenta da administración provincial declarou con ironía que "nunca puiden pensar que tivera a sorte de ter esta oposición", xa que ademais de defender a xestión desta bolsa de chan industrial asegurou que a Deputación gastou "moitísimos recursos" porque cando chegaron ao goberno "o viveiro do PP estaba incompleto".