Carmela Silva a ENCE: "Eu non admito invitacións de empresas privadas"

Pontevedra
14 de outubro 2016

A presidenta da Deputación convida o vicepresidente da Xunta a que fixe un encontro para falar do Pazo de Lourizán

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, referiuse á invitación que de novo lanzou este xoves o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, para que a institución provincial participe na comisión que decidirá a repartición dos tres millóns de euros que a empresa destinará cada ano a entidades sen ánimo de lucro dentro do denominado pacto ambiental.

Carmela Silva dirixiuse aos responsables da empresa Ence para dicirlles que "eu non admito invitacións de empresas privadas, nin desa nin de ningunha outra. Eu xestiono o público, o interese de todos e defendo o interese xeral".

"É a primeira vez que en política observo que son as empresas privadas as que instan as administracións", declarou Carmela Silva antes de mostrar a súa convicción de que nun estado de dereito, o interese xeral "márcano as institucións públicas que son as que instan o mundo privado".

"Algúns confunden o público co privado, os intereses particulares cos xenerais, esta presidenta non", engadiu.

PAZO DE LOURIZÁN

A presidenta da Deputación, convidou ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a que fixe unha data para falar do Pazo de Lourizán.

Carmela Silva mostrou a súa "sorpresa" porque Rueda "nunca se dirixiu á Deputación de Pontevedra" para expor proposta algunha sobre a emblemática residencia de Montero Ríos. "Está a mandarme recados polos medios de comunicación", sinalou.

Alfonso Rueda propuxo á empresa pasteira Ence que asuma a rehabilitación do Pazo de Lourizán para o que a empresa se comprometeu a achegar ata cinco millóns de euros para esas obras e crear nesas instalacións o seu centro privado de investigación forestal.

Este venres, en rolda de prensa, Carmela Silva referiuse a esta idea reprochando que a "lealdade institucional" obriga aos representantes políticos a falar coa administración á que quere implicar nun proxecto, asegurando, tal e como recoñeceu o propio Rueda este xoves, que non houbo ningunha comunicación oficial entre a Xunta e a Deputación, é este sentido.

"Eu non teño nin idea do que está a falar o señor Rueda", afirmou Carmela Silva. A presidenta da Deputación expresou o seu desexo de "coñecer de certo" cales son os plans da Xunta coa empresa Ence. 

O Pazo é propiedade da Deputación. Carmela Silva lembrou que existe un convenio de 1990 polo que se cede á Xunta o histórico edificio e a súa leira por 30 anos. No ano 2000, fíxose unha adaptación do convenio polo que a administració autonómica ten que acometer obras de conservación e mantemento respectando o conxunto ata 2021, "cousa que non se fixo, incumprindo a Xunta a súa obrigación", lembrou Silva.

Ademais o Pazo de Lourizán acolle a Escola de Capataces Forestais "que tampouco sei se a Xunta quere facer algo con ela", sinalou a Presidenta.

"Convídolle a que nos pida unha reunión", dixo Carmela Silva dirixíndose ao vicepresidente Rueda. Nese encontro, ao que asistirían a propia presidenta e o vicepresidente provincial, César Mosquera, o goberno galego debería "poñer enriba da mesa o que nos quere expor", entre outras cousas, "o proxecto exacto", con detalles sobre o seu calendario de desenvolvemento, proxecto de rehabilitación do edificio nobre, ou se xa teñen os permisos necesarios para este inmoble protexido por Patrimonio.