A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, mantivo un encontro con representantes do pequeno comercio de Pontevedra este martes para trasladarlles as iniciativas que o Bloque trasladará de cara ás eleccións xerais deste 28 de abril.
Unha das principais propostas é a de modificar a lexislación actual que está pensada desde Madrid para favorecer as grandes empresas de distribución e de comercialización que limitan as alternativas de contratación real para o comercio local e as empresas de pequeno formato.
Deste xeito, explicou aos empresarios que a recente normativa pon trabas ás empresas de pequenas dimensións para competir coas grandes multinacionais á hora de prestar servizos ás administracións.
Neste sentido, Carme da Silva explicou aos comerciantes que antes do camibo lexislativo os concellos podían optar polo comercio local á hora de afrontar calquera contrato, desde material de oficina, limpeza ou talleres mentres que a actual lexislación o impide.
A tarifa eléctrica é outra das propostas que o BNG quere levar ao Parlamento. Da Silva quere unha tarifa eléctrica galega que resulte un 30% máis econónmica que a vixente, que resulte máis beneficiosa para empresas e para familias. Sinala que malia producir a electricidade se paga a tarifa máis cara do Estado. Por este motivo, os nacionalistas reclaman o mesmo tratamento que xa teñen os vascos cunha tarifa propia.
A candidata do BNG, que participou nesta reunión acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, lembrou tamén que é necesario que o BNG sexa protagonista porque só na súa etapa en Madrid se condicionaron as políticas do Estado respecto a Galicia.
Neste sentido apuntou a que o BNG, segundo todas as enquisas, é a opción política que ten máis posibilidades de disputar directamente ao escano por Pontevedra con Vox e Cidadáns. Carme da Silva entende que "esa dereita é á que quere levar a Galicia 40 anos atrás e hai que porlle freo votando este 28 de abril pensando en Galicia".