Carme da Silva asegura que "non nos van a arrugar" con comportamentos "mafiosos"

Pontevedra
25 de marzo 2019

Da Silva sinalou que estes feitos son dunha "gravidade enorme" e lamentou a preocupación que xerou entre os seus familiares e achegados. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou tamén a súa solidariedade coa afectada e esixe que se abra unha investigación con "carácter inmediato"

Carme da Silva Paula Sanmartín

As pintadas ameazantes que apareceron ante o domicilio particular de Carme da Silva son, segundo a afectada, comportamentos "mafiosos" que ao BNG "non nos van arrugar". Así o reiterou a tenente de alcalde, cabeza de lista dos nacionalistas ao Congreso nas próximas eleccións xerais pola provincia de Pontevedra.

Da Silva sinalou que estes feitos son dunha "gravidade enorme" e lamentou a preocupación que xerou entre os seus familiares e achegados.

Estas pintadas, reiterou a dirixente do BNG, teñen unha "vinculación directa" co feito de que ela sexa a persoa elixida polo seu partido para tratar de recuperar asento no Congreso, algo que espertou "nerviosismo".

A pesar destes incidentes, engadiu Carme da Silva, "seguiremos traballando coa mesma intensidade e enerxía" para que a voz do BNG regrese a Madrid.

Da Silva, ademais, agradeceu as mostras de apoio "incondicional" que recibiu, especialmente aquelas que chegan "sen peros"; e a "corrente de simpatía" que notou desde que se produciron estas " ameazas".

O BNG estuda, avanzou a afectada, presentar unha denuncia ante estas pintadas. A tenente de alcalde de Pontevedra espera que cesen este tipo de comportamentos que, segundo sinalou, "definen máis a quen o fai que a quen a recibe".

ANA PONTÓN ESIXE UNHA INVESTIGACIÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou tamén a súa solidariedade con Da Silva, unha persoa que foi "ameazada" con pintadas ante a súa casa, un "acoso" que a dirixente nacionalista considera "intolerable".

Desde o BNG, explicou, piden que se abra unha investigación con "carácter inmediato", porque ningún cargo público "pode ver que se lle ataca desa maneira sen que haxa unha resposta á altura da gravidade dos feitos".

Pontón sinalou que os "covardes" autores das pintadas "non nos amedrentan" e que o BNG seguirá traballando por Pontevedra e por ter "voz propia" no Congreso.