Carlos Paz seguirá presidindo o Club Naval Pontevedra ao imporse ao aspirante Enrique Dobarro

Pontevedra
31 de xullo 2021

O reelexido presidente obtivo 55 votos fronte aos 35 do seu rival. Entre os proxectos que se marca para os vindeiros catro anos está que se execute a agardada dragaxe do Lérez e a recuperación do segundo andar das instalacións reactivando a cafetería

Carlos Paz, presidente do Club Naval, con Tino Fernández, concelleiro de Deportes PontevedraViva - Arquivo

José Carlos Paz Sánchez continuará catro anos máis á fronte do Club Naval Pontevedra, despois de que este sábado saíse reelixido nas eleccións que se desenvolveron nas instalacións da sociedade.

Carlos Paz obtivo 55 votos fronte aos 35 que conseguiu o aspirante para ocupar a presidencia, Enrique Dobarro Buitrago. Desde o Club Naval agradecíase a través dun comunicado a participación dos asociados nestes comicios.

Paz leva máis dunha década á fronte da entidade e entre os seus obxectivos para o próximos catro anos atópase a ansiada dragaxe do río Lérez para facilitar a navegación e a práctica deportiva. Tamén ten previsto reactivar a segunda planta das instalacións deportivas coa posta en marcha dun servizo de cafetería.