O novo centro asistencial que Cáritas está a construír na rúa Joaquín Costa estará rematado no mes de decembro. Polo menos, no que respecta á primeira fase do proxecto. Así o avanzou o arquitecto Mauro Lomba, autor desta intervención.
Esta primeira fase, que ten un investimento de 548.000 euros, transformará o edificio de servizos xerais de Cáritas nun centro de día oficial para as persoas sen fogar, creando vinte habitacións para homes e seis para mulleres no seu primeiro andar
A ONG activará ademais un centro de formación como os que ten na Coruña ou en Santiago para que os usuarios acaden un posto de traballo que lles permita vivir dignamente.
A través dunha segunda fase, está prevista a creación dunhas vivendas de transición para persoas que estean na rúa e queiran rehabilitarse. Estarán no segundo andar do inmoble.
Cáritas prevé investir en todo este proxecto case un millón de euros, que financiará mediante un sistema aberto de crowdfunding e con achegas doutras administracións públicas.
Este centro, segundo Mauro Lomba, disporá dunha maior capacidade e dimensión e poderá usarse non só como albergue, senón tamén como sede de Proyecto Hombre, como lugar de abrigo e como espazo de descanso, grazas á ampla zona verde coa que conta.
Con este proxecto "estamos dignificando ás persoas, aos traballadores, aos voluntarios e a Pontevedra", destacou o director de Cáritas, José Anuncio Mouriño, "para crear un fogar, non un simple edificio ou unha solución precaria para persoas que teñan vontade de recuperarse".
Na visita a estas obras, o edil de Benestar Social, Marcos Rey, reiterou o compromiso do goberno municipal coa actividade "esencial" que fai a entidade en Pontevedra "para garantir teito e un prato de comida ás persoas máis necesitadas".
A este respecto recordou que a achega anual destinada ao convenio de colaboración entre o Concello e Cáritas incrementouse nestes últimos anos de 29.000 a 34.000 euros.