Cáritas e a eterna necesidade de voluntariado para manter a súa engrenaxe: "Sempre é máis agradable dar que recibir"

Pontevedra
20 de xuño 2024

A entidade lanza unha campaña para conseguir aumentar voluntariado, centrada na inminente apertura do seu Centro de Atención Social. Catro voluntarias cóntannos a súa experiencia: "Quería dar algo do moito que recibín", confesa María Eugenia. Entrega "o pouquiño do moito que nos sobra" e, en agarimo, recibe moito máis

Pilar, María Teresa e María Eugenia, voluntarias de Cáritas Mónica Patxot

Mércores. Catro da tarde. Paquete en man, e puntualísima, María Teresa chega á sede de Cáritas en Pontevedra. Chama ao timbre, identifícase e deseguido lle abren. No exterior, empeza a formarse cola, pero, antes de que poidan entrar, ela aínda ten tarefas pendentes. É voluntaria na entidade e un mércores de cada dous, xunto con Pilar e María Eugenia, encárgase das merendas do centro. As súas compañeiras xa se afanan nas súas tarefas e, xuntas, en breve, téñeno todo listo. Café, leite, ColaCao, infusións, galletas, madalenas e, como cada día que vén María Teresa, biscoito caseiro. Todo listo para tres horas de "traballo", compañía e solidariedade

María Teresa, María Eugenia e Pilar son tan só tres das 50 persoas que, nalgún momento do mes, achegan o seu tempo de forma altruísta para facer posible que a engrenaxe de Cáritas Interparroquial de Pontevedra funcione. Parece un número moi elevado, pero, en realidade, é moi baixo para todas as necesidades que teñen a entidade. Para subilo, acaban de lanzar a campaña 'Hazte voluntario'.  

"Necesitamos contar con voluntarios que nos axuden a estar preto de persoas que viven a inxustiza da pobreza, a soidade, a falta de recursos". É o S.O.S. de Juan Carlos Abeigón, director da entidade, que pide novo voluntariado para o día a día e, sobre todo, coa mirada posta na apertura do Centro de Atención Social Continuada.

Cáritas precisa voluntarios todo o ano e durante todo o día, pero esa especie de centro de día de nova creación que ten como fin último a plena integración social das persoas sen teito e recursos usuarias da entidade non poderá ser posible sen máis mans. Sempre van xustos e, cun novo servizo, a necesidade de altruísmo intensifícase

Charlamos con catro destas voluntarias para que nos expliquen a súa experiencia. Na porta, recíbenos Noemí, a "voluntaria para todo", en palabras de María del Carmen Gallego, administradora da entidade. Adoita acudir as mañás dos martes, pero está disposta a ir sempre que a chaman. "Se o teño libre, fágoo", afirma con total disposición a colaborar

Empezou cando se mudou a Pontevedra, o seu marido xubilouse e tivo tempo libre. Chegou "por facer algo" e quedouse catro anos "porque me encanta axudar". A súa función está na porta de acceso, recibindo aos usuarios, e cada día atende a un mínimo de 20 persoas, todas coas súas casuísticas e historias. Escoitándoos, asesorándoos e canalizando a axuda cara a eles, sente que "me fai mellor a min que o que eu fago". 

Nesa sensación coinciden todas. "Quería dar algo do moito que recibín", confesa María Eugenia. Entrega "o pouquiño do moito que nos sobra" e, en agarimo, recibe moito máis. É a máis veterana deste mércores, con máis de 15 anos repartindo a súa solidariedade entre Cáritas e Proxecto Home, desde que se xubilou como mestra, e tan só lamenta que os seus 84 anos xa pesan e non pode tanto como antes. 

Xa tras a pandemia, María Eugenia pensara en deixalo, pero "a necesidade fíxome volver". Ou, máis ben, a falta de axuda. "Fan falta moitos voluntarios" e está a esperar que chegue un relevo xeracional que nunca se produce. Mentres, cada tarde, tenta falar con todos os que chegan, escoitalos e converterse na súa terapeuta improvisada. E eles dela. 

Pilar cumprirá en breve 78 anos e é a máis novata do grupo, tras tan só uns meses de voluntaria, unha decisión da que está moi orgullosa, pois "isto dá moita alegría".

As persoas á que atenden "son marabillosas, agradables, cariñosas" e iso fai que "isto non é un traballo", senón unha experiencia enriquecedora. Pilar fixo voluntaria "porque me sobraba un pouco de tempo" e xa non renuncia a selo. Mesmo vai máis aló: "Animaría a todos a que se animen a vir porque é moi gratificante. Axúdame a ser mellor". 

"Necesitamos contar con voluntarios que nos axuden a estar preto de persoas que viven a inxustiza da pobreza, a soidade, a falta de recursos"

E, de paso, a tomar perspectiva. María del Carmen Gallego apunta que ninguén está libre de acabar un día necesitando axuda. Un mal xiro da vida, unha mala decisión, "un golpe que o cambia todo" e podes acabar na mesma situación, sen recursos. Na actualidade, mesmo teñen familias que teñen traballo, pero non lles dá para manterse e requiren dos seus servizos de roupeiro despensa.

"Achégache moito máis que o que dás", recoñece Noemí mentres, na sala de estar, o trafego non para e as súas tres compañeiras afánanse en servir merendas e compañía á ducia de usuarios que foron chegando. E os que quedan. Pois cada tarde acoden a estas instalacións unha media de 25.  "

Chegan buscando merenda, pero tamén un refuxio especialmente demandado para resgardarse do frío e a choiva do inverno no que charlan con outras persoas sen recursos e coas voluntarias, entretéñense con xogos de mesa e, sobre todo, logran un pouco de normalidade no medio dun día a día que, na práctica totalidade dos casos, non ten cubertas nin as necesidades básicas

Animaría a todos a que se animen a vir porque é moi gratificante. Axúdame a ser mellor"

Esta tarde o menú ten un extra. Do paquete co que entraba María Teresa sae un biscoito caseiro. "Sempre que vén, trae un", destacan as súas compañeiras. Ela, orgullosa mentres os usuarios o devoran, relata que, desde que comezou co voluntariado hai seis ou sete anos (fai tanto que nin lembra a data) sempre comparte as súas dotes de reposteira porque "teñen dereito a comer cousas ricas e distintas a galletas ou madalenas"

O menú de cada merenda xa é moi completo, pero o seu biscoito supón un plus que, ademais, vai perfeccionando porque, aos seus 82 anos e con seis fillos e once netos, ten moitas oportunidades para practicar. Mentres reparte abrazos a usuarios que hai tempo que non ve e ponse ao día das vida de todos eles, confesa que se fixo voluntaria "porque hai moita xente que me necesita" e continúa por todo o que lle achega

"A pena é que non haxa máis voluntarios", lamenta María Teresa, que insiste en que hai moitas oportunidades de facer algo para axudar aos demais e "sempre é máis agradable dar que recibir".

Para ser voluntario, ademais, non se precisa máis nada que tempo. "Unha hora, o tempo que teñas, é suficiente", insiste Gallego. A administradora lembra que precisan voluntarios para todos os servizos e en todos os horarios, de mañá, tarde e noite,  para o albergue, para as merendas, para o roupeiro ou a despensa, para facer seguimento á casa de acollida ou ao piso de Cáritas, para acompañar.

E fai un chamamento específico á xente nova que agora, no verán, tras terminar os seus estudos, ten tempo libre e poden achegarse, botar unha man e, de paso, "ver a realidade" e  ser conscientes de "a sorte que teñen pola familia na que naceron".