Cara ou cruz? 2018, ano decisivo para o futuro de Elnosa na ría de Pontevedra

Pontevedra
27 de decembro 2017

2017 foi un ano con movemento de pezas de cara á partida final do vindeiro ano que decidirá o futuro da electroquímica en Lourizán. A Xunta concedeu a autorización ambiental integrada e a empresa iniciou un expediente de regulación de emprego á espera do que decida o Ministero de Medio Ambiente

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

O futuro de Elnosa en Lourizán segue pendente dun fío, o que sostén o Ministerio de Medio Ambiente. Antes de finais de xullo de 2018 terá que decidir se concede ou non a prórroga á empresa electroquímica para que permaneza na súa actual localización do mesmo xeito que xa sucedeu con Ence.

En decembro, a Xunta de Galicia concedeu a autorización ambiental integrada solicitada pola propietaria de Elnosa, a multinacional portuguesa CUF, que lle permitiría seguir traballando nas instalacións elaborando hipoclorito sódico, despois de que entrase en vigor este mesmo mes a normativa da Unión Europea que impide que a fábrica elabore cloro con  mercurio. 

A empresa ten previsto iniciar este proceso de elaboración de hipoclorito a mediados de xaneiro con nova maquinaria, mentres leva a cabo o desmantelamento do anterior sistema. A empresa mantense á espera de que a Dirección Xeral de Costas lle conceda finalmente a autorización para permanecer en Lourizán e poder instalar unha nova liña de produción a través do sistema de membrana para elaborar cloro.

Con todo, esta incerteza provocou que a dirección iniciase un proceso de negociación dun expediente de regulación de emprego extintivo con despedimento dun importante número de traballadores do actual persoal da fábrica. Esta decisión motivou que o sindicato Comisiones Obreras con maioría no comité decidira convocar unha folga a partir do 4 de xaneiro de 2018, coincidindo cunha nova xuntanza entre representantes sindicais e empresa. Os traballadores ao longo de todo o ano realizaron diversos actos de protesta reclamando ante o goberno do Concello de Pontevedra que facilitara a continuidade da fábrica e dos seus empregos.

Entre tanto, partidos políticos contrarios á súa permanencia e asociacións como a APDR desenvolveron accións para mostrar a súa oposición á permanencia da factoría na ría de Pontevedra e reclamar o seu peche inmediato. A última foi unha cadea humana desde a delegación de Costas ata a sede da Xunta de Galicia en Campolongo na que participaban varios concelleiros do goberno local de Pontevedra, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza, que xa anunciou que tentarán obstaculizar a permanencia da empresa  clorera utilizando todos as fórmulas legais que estean ao seu alcance.

Arquivado en