Cara a cara entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo coa covid-19 como pano de fondo

Pontevedra
09 de novembro 2020

A situación da covid-19 en Galicia marcará, sen ningún xénero de dúbidas, a reunión que manterán este martes en Santiago de Compostela o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Xuntanza en Pontevedra entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo Cristina Saiz

A situación da covid-19 en Galicia marcará, sen ningún xénero de dúbidas, a reunión que manterán este martes en Santiago de Compostela o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Este encontro forma parte da rolda de contactos prevista por Núñez Feijóo cos alcaldes das sete grandes cidades tras a súa reelección nas eleccións galegas de xullo.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, sinalou que a maior preocupación que lle trasladará o rexedor pontevedrés ao presidente da Xunta está relacionada coa pandemia e co aumento da alerta sanitaria, que obrigou a novas restricións.

Fernández Lores prevé analizar co titular do goberno galego a posibilidade de deseñar unha "fórmula colaborativa" para que os concellos seguir prestando determinados servizos e que as administracións públicas "non nos tiremos os trastos á cabeza", apuntou Gulías.

A maiores, o alcalde trasladará a Núñez Feijóo a necesidade de abordar actuacións "fundamentais" para Pontevedra, entre elas, desatacar o proxecto do Gran Montecelo, mellorar o punto de encontro familiar ou construír o novo pavillón da Parda.

Falar "seriamente" da variante de Alba, analizar a situación das obras da estación intermodal, avanzar no saneamento da ría e na dragaxe do Lérez, mellorar os itinerarios peonís polo río Gafos tamén formarán parte da axenda municipal.

As demandas do goberno municipal de Pontevedra, segundo o seu portavoz, complétanse coa posta en marcha do transporte metropolitano, a desafectación dos terreos que ocupa a Xunta na Xunqueira de Alba ou a necesaria reapertura da delegación da CRTVG.

Dentro destes asuntos tamén terá un apartado específico a petición do alcalde para que Pontevedra teña un maior peso na programación cultural do Xacobeo 2021 e un maior apoio do executivo autonómico con respecto ao Museo de Pontevedra.