A concelleira de festas, Marián Sanmartín, presentou este martes o programa das festas San Xosé de Cantodarea 2024. Estas festas son organizadas en colaboración coa Asociación Veciñal San Xosé de Cantodarea e a Asociación de Mulleres Virxe do Porto de Cantodarea.
As festividades terán lugar os días 30 de abril e 1 de maio, pero o sábado 27 de abril poderase desfrutar dun aperitivo cunha nova edición dos Cantos de Taberna dos Saljariteitos, que percorrerán desde as 12.00 horas os bares da parroquia.
O martes 30 de abril, a partir das 20.00 horas será o pistoletazo de saída destas festas co pasarrúas da Charanga Jalácticos e coa tradicional tirada de fogos de artificio. A parroquia de San Xosé tamén convida ás 21.00 horas a unha tamborrada no adro da igrexa para despois percorrer as rúas do barrio. Ás 22.00 horas actuará na Praza do Regueiro a Orquesta Galilea.
O mércores 1 de maio, a partir das 10.00 horas terá lugar unha tirada de fogos de artificio e ás 11.00 horas a asociación Airiños de San Xulián brindará un pasarrúas.
A partir das 12.00 horas terá lugar a misa de San Xosé de Cantodarea, que estará cantada polo Coro de Cámara Thalassa, e haberá unha tirada de fogos de artificio; ás 13.00 horas a asociación Trompo Os Pés obsequiará a veciñanza cun baile e un pasarrúas.
Chegadas ás 18.00 horas, será a quenda do grupo Pousos da Area e para rematar as festas ás 19.00 horas terá lugar a procesión San Xosé de Cantodarea, acompañada pola Banda de Música da Brilat e cunha tirada de fogos de artificio como peche das festas.