Cando comer é un pracer aínda maior

Pontevedra
24 de outubro 2017

Preto de setenta produtores galegos participarán a próxima fin de semana -os días 28, 29 e 30 de outubro- na segunda edición de Etiqueta Negra, a feira dos produtos gourmet que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra

Presentación da segunda edición de Etiqueta Negra Mónica Patxot

Preto de setenta produtores galegos participarán a próxima fin de semana -os días 28, 29 e 30 de outubro- na segunda edición de Etiqueta Negra, a feira dos produtos gourmet que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra.

Todos eles, sinalou a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, destacan pola súa singularidade, a súa orixinalidade e unha maior calidade nas súas propostas gastronómicas. "Temos moito potencial que ensinar e moitos produtos que visibilizar", explicou a edil na presentación dunha feira que é xa un "referente" en todo o Estado español.

Etiqueta Negra abrirá as súas portas en horario ininterrompido de 11.00 a 20.30 horas. Nela, o público poderá degustar produtos "singulares, competitivos e de alta gama" e que, segundo lembran os organizadores, están lonxe de ter un prezo "estratosférico", senón que se poderán adquirir a un custo "alcanzable" para todos os petos.

A feira permitirá, un ano máis, poñer en contacto a empresas e produtores do sector con profesionais da alimentación, restauración e distribución, así como os propios consumidores que, cada vez en maior medida, consomen este tipo de produtos gourmet.

Entre a oferta de Etiqueta Negra haberá marmeladas, cervexas, viños, queixos, conservas, angulas, patés, lamprea, castañas, cafés, licores, sidras, galletas, carnes autóctonas, embutidos, salsas e aderezos, tortas ou doces.

Durante os seus tres días sucederanse presentacións de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e moitas outras actividades. Ademais, haberá un espazo para o encontro entre profesionais que, nesta segunda edición, "seguimos fortalecendo", segundo Anabel Gulías. Están previstos máis de 300 contactos.

Do mesmo xeito que na edición anterior, prestixiosos chefs elaborarán en directo suculentas receitas con produtos galegos de alta calidade. Ao longo da fin de semana, haberá showcooking con Yayo Daporta, Luís Veira, Iñaki Bretal, Paco Chicón e Sergio Musso, Rubén González, Oliver Fernández Batista ou Gerson Iglesias.

A escola de hostalería Carlos Oroza tamén estará presente en Etiqueta Negra con una actividad gastronómica elaborada a partir de produtos dos expositores da feira. Será un menú para cen persoas, igual que o que servirá o obradoiro de hostalería do Salnés, que no seu caso estará composto por ovas de sepia con vinagreta evolucionada, hamburguesa de pinto con crema de grelos e lombo recheo de coello con crema de castañas e verduriñas glaseadas.

Ademais, da man da Deputación de Pontevedra volverán celebrar cinco obradoiros de té galego para dar a coñecer as capacidades produtivas e de mercado da camelia, grazas ao traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Estarán impartidos polas catadoras Laura Rodríguez Rey e Alicia Colmenar.

A programación completa da feira Etiqueta Negra pódese consultar nesta ligazón.