Cancelan os actos da Semana Santa pontevedresa para salvagardar a saúde das persoas participantes

Pontevedra
14 de marzo 2020

A xunta coordinadora destes eventos decidía este sábado 14 a suspensión, atendendo ás recomendacións eclesiásticas e da administración civil, para garantir a saúde das máis de mil persoas que, normalmente, participan das procesións e doutros actos relixiosos

Procesión da 'Burriña' no Domingo de Ramos Diego Torrado

A xunta coordinadora dos actos de celebración da Semana Santa de Pontevedra decidiu atender ás recomendacións das autoridades civís e eclesiásticas e este sábado comunicaba a suspensión de todos os actos litúrxicos organizados polas confrarías do municipio debido á expansión do coronavirus.

Desta forma quedan anuladas as procesións e actividades previstas entre o 5 e o 12 de abril na cidade. Durante o ano 2019 participaban na Semana Santa pontevedresa sete confrarías e ao redor de mil penitentes, ademais do público que suscitan estes actos.

Segundo expón Ramón Peón, portavoz da coordinadora, a medida adóptase para axudar a canalizar a situación de crise sanitaria atendendo á propia responsabilidade e co obxectivo de salvagardar a saúde de todas aquelas persoas que, dunha ou outra forma, colaboran e participan nas procesións. En moitos casos, os integrantes das confrarías levan meses preparando os eventos da Semana Santa.

Nun comunicado, desde este colectivo sinalan que "todos xuntos, coa nosa xenerosidade e sacrificio sairemos adiante" en relación á pandemia do  COVID-19, concluíndo cun esperanzador "ánimo, que xa queda pouco para a Semana Santa de 2021".

Esta decisión era comunicada despois de que o Consello de Irmandades de Sevilla, o Concello andaluz e o Arcebispado acordasen tamén suspender os desfiles procesionais da Semana Santa sevillana, a máis popular e a que máis ingresos económicos xera no territorio español.