Cancelan a polémica festa de Samaín planificada na illa de San Simón

Pontevedra
30 de outubro 2019

A empresa comunicou ás persoas inscritas para participar que a festa quedou suspendida por "motivos meteorolóxicos". A Iniciativa Galega pola Memoria amosou a súa "satisfacción" e lembrou que se trata dunha actividade "totalmente irrespectuosa" coas vítimas, as súas familias e a sociedade en conxunto 

Illa de San Simón Juan Mejuto

A empresa que programara unha festa de Samaín na tarde e a noite deste xoves na illa de San Simón finalmente optou por cancelala. A celebración levaba días a xerar controversia despois de que colectivos en defensa da memoria histórica e familiares de persoas represaliadas que pasaron polo lugar cando era campo de concentración durante a Ditadura franquista fixeran saltar todas as alarmas e se amosaran moi críticas. 

Finalmente, a empresa Nabia comunicou este mércores ás persoas inscritas para participar que a festa quedou cancelada. Atribúen a decisión a "motivos meteorolóxicos", sen facer referencia á polémica

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), colectivo que liderou durante os últimos días a oposición á festa, amosou este mércores a súa "satisfacción" pola suspensión do Samaín na Illa de San Simón.

"A empresa alega causas metereolóxicas, mais, para nós, isto foi posible grazas á marea de indignación democrática", valora o colectivo, que lembra que se trata dunha actividade "totalmente irrespectuosa" coas vítimas, as súas familias e a sociedade en conxunto.

Ademais, desde a IGM dan as grazas a familias e integrantes do movemento memorialístico galego pola súa loita. Desde os colectivos agrupados na IGM tamén anuncian que seguirán loitando para conseguir un plan de usos que teña sempre presente o pasado da illa como campo de concentración franquista. "San Simón non é un parque de atraccións, é a illa da memoria. Respectémola", piden.

A polémica festa tamén tivo a oposición de partidos e institucións como a Deputación Provincial de Pontevedra ou o BNG, que levou o asunto ao Parlamento de Galicia.