Do campus de Pontevedra a finalista dos Premios Nacionais de Creatividade

Pontevedra
18 de marzo 2025

Xulia Vicente, estudante de Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra, foi seleccionada como finalista dos premios nacionais na categoría de 'Xóvenes Creativos'

Xulia Vicente, estudante de Publicidade e RRPP en Pontevedra
Xulia Vicente, estudante de Publicidade e RRPP en Pontevedra Universidade de Vigo

Xulia Vicente estuda o Grao de Publicidade e Relacións Públicas na Facultade de Comunicación de Pontevedra.

Desde o campus pontevedrés logrou co seu traballo captar a atención do xurado dos Premios Nacionais de Creatividade 2025, para os que foi elixida como finalista dentro da categoría 'Xóvenes Creativos'.

É unha das seis persoas seleccionadas entre preto de 200 candidaturas de novos talentos do sector publicitario dentro dun evento que pretende premiar os mellores traballos publicitarios do ano en España.

Ademais a súa proposta e a do resto de finalistas formarán parte do Anuario da Creatividade Española.

"Xa non é só alucinante o feito de quedar finalista, senón aínda máis permanecer gardada nun anuario que significa tanto", asegura a protagonista.

Todo iso ademais "aínda sen terminar a carreira", valora. Por iso é "algo así como un soño".

Os Premios Nacionais da Creatividade, que se celebrarán en San Sebastián o venres 21 e sábado 22 de marzo, contaron neste 2025 con 1463 inscricións, que darán lugar a 423 mencións e 181 proxectos incluídos no anuario.

Os participantes na categoría de Xóvenes Creativos debían enfrontarse, segundo a organización, ao desafío de deseñar unha acción de comunicación para unha empresa cervexeira, ideando proxecto para "situar a marca como líder na activación do patrocinio deportivo en España".

"Sen dúbida foi un reto bastante grande, ao tratarse dun tema que non é a miña especialidade, pero aí tamén estaba o divertido", explica Xulia Vicente, cuxa proposta foi horientada a 'a canteira', buscando conectar co público máis novo dos estadios de fútbol.

Os outros finalistas nestes premios nacionais, na categoría de 'Xóvenes Creativos', son estudantes das escolas Brother Valencia, Aula Creativa, The Atomic Garden e da Barcelona School of Creativity.