Campo Lameiro pide axuda á Xunta para mellorar o saneamento en Fontenla

Campo Lameiro
24 de novembro 2024

Persoal de Augas de Galicia avaliará o proxecto que presente o Concello de cara a avanzar no procedemento para mellorar os servizos que se prestan á veciñanza da contorna

Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, con Ángeles Vázquez Xunta de Galicia

Avanzar no saneamento do municipio foi o obxectivo da xuntanza de traballo que mantiveron o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Neste encontro, o rexedor pediu a axuda da Xunta para un proxecto en concreto.

Costa explicoulle á conselleira que sería preciso acometer a mellora do saneamento no núcleo de Fontenla.

Persoal de Augas de Galicia avaliará o proxecto que presente o Concello de cara a avanzar no procedemento para mellorar os servizos que se prestan á veciñanza da contorna.

Así o asegurou Ángeles Vázquez tras esta entrevista, segundo traslada o goberno galego.

A conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento.

A intención é que os municipios, especialmente os máis pequenos e con menos posibilidades económicas, poidan prestar servizos de calidade á súa veciñanza de xeito máis eficiente.