Campo Lameiro iniciará accións xudiciais contra Abanca por danos e prexuízos á veciñanza

Umia
02 de setembro 2021

Os veciños presentarán este venres follas de reclamación ante a dirección de Abanca por considerar vulnerados os seus dereitos como paso previo a levar a súas queixas ante o Banco de España

Xunta de portavoces do Concello de Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

A xunta de voceiros acordou facultar ao alcalde, Carlos Costa, a iniciar contactos con diversos bufetes de avogados co fin de recabar o asesoramento e a información suficiente para, no caso de que Abanca faga efectivo o peche da súa sucursal en Campo Lameiro, se presenten as accións xudiciais pertinentes por danos e prexuízos contra os intereses e os dereitos da veciñanza do municipio.

Estes veranse obrigados a desprazarse a varios quilómetros de distancia para poder dispoñer da atención e dos servizos bancarios que precisen.

Os concelleiros amosaron o seu interese en explorar calquera posibilidade legal que permita aos veciños de Campo Lameiro dispoñer dalgún tipo de defensa "fronte ao atentado o que seremos vítimas por parte da dirección de Abanca".

Ao mesmo tempo, os veciños de Campo Lameiro comezarán este venres a presentar follas de reclamación interna ante Abanca polo que consideran de "desatención e prexuízo ocasionado polo inminente peche da sucursal perdendo por completo un servizo esencial de carácter individual".

Esta reclamación de carácter individual farase como paso previo á presentación ante o Banco de España de toda unha batería de denuncias contra Abanca por desatención á poboación do rural galego na súa demarcación natural de negocio incumprindo o deber que como entidade prestadora de servizos ten cos seus clientes e cidadáns.

PORTA ABERTA AO DIÁLOGO CON ABANCA

A corporación municipal segue mantendo aberta a porta ao diálogo con Abanca e a explorar solucións satisfactorias que permitan aos veciños seguir disfrutando dos servizos bancarios no seu municipio. 

A xuntanza prevista para o 31 de agosto foi aprazada por indisposición dunha das persoas que formaban parte da delegación que se achegaría ata o Consistorio para falar co alcalde, Carlos Costa.

Segundo o rexedor, quedaron en poñer unha nova data para celebrar esa xuntanza na que os concelleiros de Campo Lameiro teñen depositadas moitas esperanzas en que a dirección de Abanca sexa sensible a un problema que pode ter solución si hai colaboración e boa disposición por parte da entidade.