Campo Lameiro comeza a súa loita na rúa para esixir un médico estable

Umia
10 de decembro 2022

Arredor de duascentas persoas concentráronse diante do Centro de Saúde este sábado, convocadas polas tres formacións da corporación municipal. Recolléronse follas con reclamacións para denunciar diante do SERGAS a situación de interinidade do facultativo na vila "que leva prolongándose xa demasiado tempo"

Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, durante a concentración para reclamar un médico estable Concello de Campo Lameiro

Ao redor de duascentas persoas asistían este sábado á concentración de protesta convocada polas tres formacións políticas que integran a corporación municipal de Campo Lameiro: PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE.

A concentración realizábase diante do Centro de Saúde co obxectivo de presionar á Consellería de Sanidade para que se destine un médico estable a este espazo sanitario e, desta forma, finalizar coa interinidade de facultativos que "leva prolongándose xa demasiado tempo", segundo os organizadores.

Durante esta acción entregáronse tamén follas de reclamación para, unha vez efectuadas todas as demandas, envialas ao Concello, que as trasladará ao Servizo Galego de Saúde.

Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, lía en nome de toda a corporación un manifesto sinalando que un servizo de Atención Primaria de calidade debe ofrecer "unha continuidade no médico de cabeceira que nos atende". Fixo referencia ás persoas maiores que precisan dun seguimento e dun coñecemento das súas doenzas con durabilidade no tempo. 

Desde a corporación piden estabilidade na atención sanitaria e reclaman á Xunta de Galicia as "medidas necesarias para que non nos atenda un médico cada pouco, sen que nos dea tempo case nin a coñecelo", afirmou o rexedor.

Tamén se insta ao Goberno de España a ampliar o número de prazas para o MIR e que poida diferenciarse os médicos que prefiren a especialidade de Urxencias dos de Atención Primaria, co obxectivo de que se cubran canto antes as vacantes que se rexistran en Galicia. "Non queremos ser tratados coma se fósemos veciños de terceira", concluíu Costa.

Anuncian que o vindeiro sábado 17 de decembro ás 18.00 horas volverán concentrarse fronte ao Centro de Saúde e desde a corporación anuncian que continuarán coas xestións #ante as autoridades sanitarias ao mesmo tempo que manteñen estas protestas ata que se consoliden un médico en Campo Lameiro.