O campo de fútbol das Estremas en Cerdedo-Cotobade mellorará a súa eficiencia enerxética

Cerdedo-Cotobade
08 de novembro 2024

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o investimento de 110.000 euros nas reformas nese equipamento deportivo

Campo de fútbol das Estremas Concello de Cerdedo-Cotobade

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a concesión das primeiras axudas do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Fíxoo destinando 110.000 euros ao Concello de Cerdedo-Cotobade para realizar obras de eficiencia enerxética no campo de fútbol das Estremas.

Esta iniciativa intégrase no plan previsto para transformar os equipamentos deportivos da provincia, segundo declarou o presidente da institución, Luis López.

O proxecto de mellora enerxética no campo de fútbol das Estremas conta cun orzamento total de 140.000 euros.

Ademais dos 110.000 euros aprobados, o financiamento completarase con 20.000 euros adicionais do Plan +Provincia 2024 e unha contribución de 8.000 euros por parte do Concello gobernado por Jorge Cubela.

As intervencións previstas inclúen a mellora da envolvente térmica nos vestiarios, a instalación dun sistema de iluminación máis eficiente no terreo de xogo e nos vestiarios.

Tamén está prevista a substitución dos termos eléctricos por sistemas de aerotermia e a instalación de paneis solares para a xeración de electricidade.

O presidente Luis López destacou que o segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cun orzamento de 8 millóns de euros, o dobre que na edición anterior, permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia construír novas instalacións deportivas.

Este plan tamén irá destinado a modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións actuais así como adquirir equipamentos, material ou terreos para uso deportivo.