Campelo xa ten aparcamentos disuasorios

Poio
14 de setembro 2021

O  Concello de Poio estrea dúas parcelas próximas ao núcleo de Campelo con capacidade para 18 e 12 coches respectivamente con acceso gratuíto

Chelo Besada e Gregorio Agís visitan os aparcamentos disuasorios de Campelo Concello de Poio

O núcleo de Campelo xa dispón de 30 novas prazas gratuítas de estacionamento. Os concelleiros Chelo Besada e Gregorio Agís inspeccionaron este martes o estado das parcelas, que xa están listas para entrar en funcionamento.

Os traballos de adaptación dos terreos fixéronse realidade logo de que chegaran a bo porto as negociacións realizadas pola concelleira de Obras e Servizos cos propietarios destas fincas privadas, que accederon a cedelas para poñer solución á falta de aparcadoiros na zona. As dúas parcelas atópanse na rúa Pedro Soto e en Padre Avelino, próximas ao núcleo de Campelo, polo que “poderán ser utilizadas non só polos veciños, senón tamén por todas as persoas que teñan que achegarse ao lugar para realizar algún tipo de xestión", sinala a alcaldesa en funcións.

En total, os operarios traballaron na posta a punto dunha superficie que ascende a preto de 1.000 metros cadrados. Unha das parcelas dará cabida a 18 vehículos e outra a 12. E esta non será a única actuación encamiñada a dotar de aparcadoiros a Campelo. As negociación para conseguir novas parcelas continúan e non é algo exclusivo de Poio, este verán xa dotaron de aparcamentos disuasorios ás parroquias de Raxó e San Salvador.