A situación epidemiolóxica de Poio é cada vez máis complicada. Este martes hai 176 casos activos de covid-19, 18 máis que o luns, e outras 533 persoas están corentena por ser contactos estreitos de positivos. "Os casos seguen subindo, un pouco menos ca onte, pero nos preocupa", resume o alcalde do municipio, Luciano Sobral, que fai un chamamento á poboación para que respecte as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias e "se xunte o menos posible".
A preocupación é xeral, pero céntrase de xeito especial en dous puntos do municipio, Campelo e O Vao, e nun colectivo, o do marisqueo. En O Vao este martes comezou un cribado xeral dos pouco máis de 400 veciños da zona, que está previsto que remate este mércores, mentres que en Campelo e o sector do mar están pendentes de que se decida este mediodía. Un día máis, desde o goberno local volveron reclamalo.
En Campelo, toda a poboación comparte a preocupación e coincide en que están en situación de alerta. A situación é "moi complicada", recoñece unha veciña, que mentres vai apurada á farmacia insiste en que hai "familias enteiras confinadas, nenos no colexio confinados, moitísima xente" con covid-19 ou sospeitas de poder tela.
A complicación vívea a diario unha das traballadoras do supermercado Mercamás de Campelo, que cada día ve como aumentan os pedidos para levar a compra á casa a persoas confinadas. Esta muller viviu moi de preto a pandemia xa nos seus primeiros días, en marzo, pois un familiar moi próximo foi a primeira vítima mortal de Poio, "no momento máis duro, no momento que non puidemos visitar a persoa que nos necesitaba, que estivo só hospitalizado, que non lle puidemos dar a aperta á persoa que quedou soa".
Con esta experiencia traumática moi presente, e os recordos daqueles días nos que "non nos puidemos despedir del, non puidemos estar consolando a persoa que quedou soa, que nese momento foi miña sogra, tiñamos que deixarlle a comida nas escaleiras, como se fose un animal", pide á poboación que sexan "conscientes e consecuentes", pois a enfermidade "non é unha broma".
Nesta zona de Poio hai familias enteiras confinadas e a enfermidade expandiuse de xeito moi rápido. Esta veciña atribúeo a que "como somos todos familia uns de outros, eu penso que é ese o problema, xuntámonos, relaxámonos".
Como parte da solución, pide á poboación que sexa responsable, pero tamén ten peticións para as autoridades sanitarias: que fagan o demandado cribado. "Parece que Campelo non está no mapa e se hai tantos casos é porque algo está pasando".
Nun establecemento comercial próximo, outra veciña confirma que "hai moitísimos casos" e que xa desde o sábado nota que hai menos xente nos negocios e este martes "moito máis". Na rúa, segundo asegura, "hai moi pouco movemento, agora mesmo a xente ten que estar na casa" e cre que é o momento de facer o tan desexado cribado. "Si, por favor, xa, sería o mellor para todos", pide.
Luciano Sobral, Nito, insiste en pedir este cribado e tamén un para o sector do marisqueo, que ten tantos contaxios que a lonxa decidiu non abrir durante varios días. Segundo asegura, xa se está preparando ese cribado, pois xa se pediron os datos de toda a poboación vencellada con esta actividade. Para Campelo, considera que é "necesario" para "cando menos, ter unha radiografía do que hai".