A 'Corrida da Rosca' era unha das actividades do Entroido do rural pontevedrés que se celebraba en Campañó, que se saiba, polo menos ata o ano 1914. E este ano será recuperada grazas ao traballo da asociación cultural e deportiva da parroquia. Terá lugar este domingo 22 de febreiro, a partir das 17.00 horas, no campo da festa de Cabaleiro e precederá ao broche de ouro do entroido local, que poñerá a incineración de Ravachol.
As primeiras referencias a esta celebración, descubertas por José Fuentes Allende, datan de entre 1908 e 1910. Aparecían nunha serie de manuscritos do intelectual José Casal e Lois, que recompilou 150 xogos e diversións históricas practicadas en Pontevedra. Un dos seus apartados recollía que en Campañó tiña lugar esta festa, que tradicionalmente ía acompañado da música dun gaiteiro.
Consistía en colgar dunha pértega unha rosca de pan de trigo con ovos cocidos e embutidos e organizábase unha carreira para ofrecela como trofeo. Participábase de dous en dous e o primeiro en chegar á altura do pau levábase o roscón. Os participantes ían disfrazados con roupa vella e caretas de cartón.
Agora recuperarase con certas variacións. Haberá que acudir disfrazado de 'choqueiros' e nenos e maiores poderán optar a conseguir unha das roscas de pan de trigo con ovos e recheas de chourizo, elaboradas pola Panadaría Abelleira. Será unha carreira en liña recta duns 60 metros e o que chegue primeiro á liña de meta levarase o premio. Dependendo do número de participantes, poderanse botar carreiras por relevos.
Segundo José Fuentes, trátase dun xogo "excepcional" dentro do Entroido en Galicia, se ben sinalou que actividades similares se celebran noutras datas en localidades dependentes da arquidiócese de Tui ou mesmo fóra da nosa comunidade como os Monegros ou o municipio luso de Bragança.