Un total de 108 vivendas. É o número de fogares que se beneficiarán do último proxecto de saneamento que se executará en Campañó. Con el, segundo o Concello, toda a parroquia quedará dotada deste servizo.
As obras realizaranse nos lugares da Galiana, Corredoira, Soutonovo, Avieiros, Sabarís, A Cañota, Ferreiros e unha parte de Moldes. Terán un custo de 1.818.000 euros, que financiará a empresa Viaqua con cargo ao novo contrato de abastecemento de auga e saneamento.
En total, instalaranse 6.250 metros lineais de tubaxes e 180 pozos de rexistro
Estas obras completan as que se realizan na zona sur da parroquia, valoradas en 2.3 millóns de euros, para dar servizo de saneamiento a unhas 160 vivendas dos lugares de Campañó de Arriba, Piñeiro, Carballiños, Pedreira, Moldes e O Freixo.
OUTROS ASUNTOS
A Xunta de Goberno abordou tamén este luns a convocatoria das bases para as escolas deportivas de Pontevedra para o exercicio 2018-2019. Destinaranse 142.000 euros para financiar a actividade deportiva de máis de 2.400 nenos e nenas de 6 a 14 anos.
Haberá tres liñas de subvencións. Así, 108.000 euros serán para as escolas deportivas xestionadas por clubs ou entidades da cidade, 24.000 euros para as que impulsan os colexios do rural e os 10.000 restantes para os grupos especiais.
Ademais, o Concello solicitará unha subvención de 190.000 euros ao GDR Pontevedra-Morrazo para habilitar a nova sede deste organismo, que estará situada noos Campos. Acollerá as súas oficinas e salas de reunións. O resto do custo do proxecto, que rozará os 500.000 euros, será financiado con fondos municipais.