Campañó celebrou este mércores a súa tradicional Corrida da Rosca, festa recuperada hai uns anos polos veciños desta parroquia pontevedresa.
A parroquia reviviu esta divertida tradición, cuxas primeiras referencias nos libros de historia local datan da primeira década do século XX.
Os participantes, maioritariamente nenos e nenas da parroquia, participaron con disfraces do máis diverso, competindo en carreiras en liña recta para facerse co prezado premio: unha rosca de pan de trigo con ovos e rechea de chourizo.
O Entroido contou tamén este mércores coa recreación da botica de Perfecto Feijóo, na Praza da Peregrina, e coa segunda eliminatoria do certame de murgas, que volveu a encher o auditorio do Pazo da Cultura.