Investimento de 70.000 euros para substituír o firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba

Poio
13 de novembro 2024

Esta vía municipal transcorre de xeito paralelo á PO-308, sendo unha alternativa de circulación que, ademais, conecta con toda a zona de San Salvador, A Barca e A Caeira

Travesía Poio de Arriba Concello de Poio

Comezaron as obras para substituír o firme e mellorar a seguridade viaria no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados.

O proxecto conta cun investimento de preto de 70.000 euros e inclúe a demolición do pavimento actual e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse, permitindo así mellorar a seguridade, integrar a zona e poñer en valor toda a contorna.

Esta vía municipal transcorre de xeito paralelo á PO-308, sendo unha alternativa de circulación que, ademais, conecta con toda a zona de San Salvador, A Barca e A Caeira.

Para o goberno local esta rehabilitación era urxente e prioritaria, tendo en conta o importante estado de deterioro de todo o asfalto.

Ademais deste investimento en Poio de Arriba, tamén se están executando neste momento melloras no firme e ampliación da rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro.

Nos próximos días executaranse proxectos na Seara, en Outeiro de Fontenla, Fonteiriñas, Sartal, Liñares, Paradela, Banda do Río, San Martiño de Rial e Peirao do Covelo, entre outros.