O pasado mes de setembro, o pai Gonzalo Diéguez cumpriu 89 anos e, a pesar de que se atopa "bastante ben" de saúde, decidiu que chegaba o momento de soltar algunha das súas responsabilidades e descansar. Ao mes seguinte, en outubro, esta decisión materializouse nun cambio de mans do comedor social da igrexa de San Francisco de Pontevedra, do que el era a alma desde había 15 anos.
Agora, situouse á fronte o pai Umberto González, coñecido como Tito. A substitución xeracional é evidente, pois ten 54 anos, 35 menos que o seu antecesor, pero nada cambiou neste servizo ao que cada día acoden entre 140 e 150 persoas.
Aínda que o pai Tito ten previsto cambiar "algunhas cousiñas", de momento, non aplicou ningún cambio, centrado en poñerse ao día no funcionamento deste comedor con 34 anos de historia que segue aberto grazas aos relixiosos franciscanos. Na actualidade, son seis en Pontevedra, tres deles con máis de 85 anos.
Para iso, conta coa inestimable axuda do pai Gonzalo, que está a facer unha transición sosegada e segue acudindo ás instalacións nas que se dá o servizo de comedor "para dicirlle o que hai que facer", sobre todo, nas xestións máis burocráticas relacionadas con axudas e subvencións de institucións como o Concello, a Deputación ou a Xunta de Galicia.
Aínda se lle nota solto, non dubida en coller o cullerón para servir unhas lentellas e atende a todas as preguntas que lle fai o seu sucesor, pero insiste en que "teño moitos anos e é hora de que un se xubile". Entre bromas aclara, de todos os xeitos, que seguirá activo, pois os relixiosos "xubilámonos cando imos a San Mauro, nada máis".
Foron 15 anos á fronte do comedor que fundara o pai Amaro 1988 e, a hora de facer balance, asegura que nos primeiros anos "todo era máis fácil", pois agora volveuse "máis complicado" levar o día a día, para adecuarse ás esixencias das entidades colaboradoras e tamén ás da sociedade actual. Así, lembra que nos últimos anos realizáronse obras para mellorar a accesibilidade como instalar unha rampla de acceso ou mellorar as instalacións cambiando os aseos e o chan.
O pai Tito agradece a súa axuda e recoñece que o pai Gonzalo "xa ten 89 anos e quería descansar un pouquiño", de modo que os máis novos da congregación debían "tomar as rendas". Encomendáronlle a tarefa a el, que leva 31 anos na Orde Franciscana e, tras pasar por Avilés (Asturias), Ponteareas e, recentemente, Ourense, chegou a Pontevedra en setembro de 2021.
Nesta nova etapa, de momento, non entra nos seus plans regresar á realidade previa á pandemia da covid-19 en canto a servizo presencial aos usuarios. Cando irrompeu o coronavirus, pasouse ao formato ‘delivery’, no que os usuarios recollen a comida e lévana para o seu consumo no exterior.
"De momento, non o abrimos porque está a cousa así así", indica, en alusión a que aínda hai contagios de covid-19, o local "ten pouca ventilación" e entre os usuarios "hai moita xente sen vacinar". De todos os xeitos, tamén aclara que nestes momentos están a servir máis comida que antes da pandemia. "Hai xente que leva máis, non para un, senón para dous, para tres ou para catro", para toda a familia.
Os usuarios levan a casa prato principal, sobremesa, bocadillo e froita con cargo aos fondos do comedor que reciben de axudas e subvencións públicas e tamén de donativos. Esta semana, desde o comedor quíxose agradecer de forma específica as doazóns das pastelerías Capri e Landín e de supermercados como Froiz, aínda que ten moitos máis colaboradores aos que están moi agradecidos.
Nestes momentos, con eses entre 140 e 150 usuarios diarios, "imos sostendo" e, ao manter o formato non presencial, tampouco necesitan máis voluntarios, pois é suficiente co pai Tito, a cociñeira, o axudante de cociña, a asistenta social e unha voluntaria.
"Tampouco podemos apiñarnos moito, arranxámonos bastante ben así", indica o pai Tito, que matiza que cara a final de mes, cando a xente cobra, baixa un pouco a asistencia, "pero non moito menos". A mediados de mes adoita ir máis xente.
En canto ao perfil de usuarios, é moi variado, tanto persoas que viven na rúa como familias que teñen vivenda, pero necesitan axuda para a alimentación. As idades son tamén moi amplas, "un pouco de todo, xente maior, a maioría de mediana idade e algún mozo tamén, aínda que non son os que máis!.