'Cambiemos o conto', un concurso para que o alumnado reflexione sobre a violencia machista e a igualdade

Pontevedra
04 de decembro 2022

Aberto ata o 30 de xaneiro de 2023, premiará aos mellores relatos elaborados pola mocidade que partan da denuncia do carácter machista dunha canción e reflexionen para construír o mundo e as relacións dende o feminismo. Haberá tres premios para ESO e outros tres para Bacharelato, FP Básica ou de Grao Medio

Mulleres en Acción. Violencia Zero Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra lanza un novo proxecto relacionado coa sensibilización e concienciación social sobre a violencia machista e a igualdade. Trátase de 'Cambiemos o conto', un concurso de relatos dirixido ao alumnado de ESO, Bacharelato, FP Básica ou de Grao Medio de centros educativos da provincia

O concurso busca incentivar entre a mocidade o pensamento crítico, sensibilizala na igualade e na loita contra as violencias machistas e fomentar a súa creatividade.  

Aberto ata o 30 de xaneiro de 2023, premiará aos mellores relatos  elaborados pola mocidade que partan da denuncia do carácter machista dunha canción e reflexionen para construír o mundo e as relacións dende o feminismo. Haberá tres premios para ESO e outros tres para Bacharelato, FP Básica ou de Grao Medio e os galardóns, iguais para ambas categorías, recalarán tanto nos centros educativos como nas mozas e mozos gañadoras/es.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destaca que a educación e a cultura son "ferramentas indispensables para cambiar o mundo", por iso consideran fundamental que dende as aulas se impulse o espírito creador da mocidade e se faga denunciando e modificando todo aquilo que non está a funcionar como debe, como é o caso das violencias que sofren as mulleres e as desigualdades que padecen.

O certame xorde ao abeiro dos actos do primeiro aniversario do 'Manifesto de Soutomaior', o documento asinado fai un ano por mulleres da cultura no que se denunciaron as diferentes situacións de desigualdade  que existen no mundo da escrita e se propuxo un plan de acción para rachar con elas. 

Con motivo deste primeiro aniversario, tamén se vai poñer en marcha os premios literarios 'Hai unha voz', para recoñecer o papel das escritoras, así como un observatorio sobre a situación das mulleres na literatura e unha biblioteca dixital de mulleres da escrita.