Cambados, Vilaboa e Ponte Caldelas recibirán novos investimentos da Deputación

Ponte Caldelas
03 de xuño 2022

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde a novas actuacións ao abeiro do Plan Concellos en Cambados e Vilaboa e tamén un convenio de mellora de infraestruturas en Ponte Caldelas

Xunta de Goberno da Deputación

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde a novas actuacións ao abeiro do Plan Concellos en Cambados e Vilaboa e tamén un convenio de mellora de infraestruturas en Ponte Caldelas.

Concretamente, en Cambados aprobáronse 234.680 euros para pavimentar beirarrúas na rúa Pombal-Ribeira de Fefiñáns. Trátase dunha obra cunha grande importancia patrimonial, porque permitirá empedrar as beirarrúas e manter así a homoxeneidade da zona histórica. Ademais, adaptaranse os seus anchos para cumprir a actual normativa de accesibilidade e se revisarán e adecuarán os farois e o mobiliario urbana existente.

Vilaboa recibe 199.860 euros para reasfaltar e calmar o tráfico en núcleos rurais das parroquias de Santa Cristina de Cobres e Vilaboa. As actuacións realizaranse en Río, Cimadevila, Pazo, Acuña e Paredes (na parroquia de Vilaboa) e en Larache (Santa Cristina de Cobres). Co fin de calmar o tráfico, empregaranse nalgúns dos tramos franxas transversais redutoras de velocidade.

PONTE CALDELAS

Carmela Silva tamén anunciou o acordo para o inicio do procedemento de licitación da mellora da seguridade viaria na EP-0407 en Ponte Caldelas.

Cun orzamento de 255.624 euros, con financiamento do 70% (178.946 euros) con fondos propios da Deputación e o 30% restante (76.687 euros) a través do Plan Concellos, actuarase en 225 metros da EP-0407, dende a rúa Lepanto e continuando pola explanada do aparcamento do centro de saúde en dirección á subida cara a igrexa de Santa Baia e O Casteliño. 

O obxectivo e recuperar este tramo da estrada devolvéndolle gran parte do espazo aos peóns, deseñando Lepanto con dobre sentido de circulación e o resto cun só de subida, dándolle a todo o espazo beirarrúas dun ancho mínimo de 2,5 metros.