Tan só un municipio da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés manterase, a partir das 00:00 horas do próximo venres 14 de maio, no nivel máximo de restricións pola covid-19. Trátase de Cambados, segundo decidiu o comité clínico que asesora á Xunta.
Os seus datos, con 93 casos activos e unha incidencia acumulada a 14 días por encima dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, obrigan ás autoridades sanitarias a manter o peche perimetral do municipio. Tamén ocorre con Laza (Ourense) e Padrón (A Coruña).
Vilanova, pola súa banda, recupera a mobilidade co resto de Galicia ao baixar ao nivel alto de restricións, xunto con outros cinco concellos galegos, entre eles Cangas. Neles, a hostalería só poderá traballar en terraza cun aforo máximo do 50%.
Marín, que estaba esta semana neste nivel alto, baixa un banzo e pasará a situarse no nivel medio. Con el estarán Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Moraña, Ponte Caldelas e Soutomaior.
No seu caso, bares e restaurantes poderán ocupar o 50% das súas terrazas e só o 30% dos seus espazos interiores.
No resto dos concellos galegos estarán no nivel medio baixo de restricións que, entre outras cuestións, permite un aforo do 75% nas terrazas da hostalería e do 50% no interior dos establecementos.