Volve'Cambados Histórica', a recreación dun dos mercados da Idade Moderna máis importantes do Salnés e da ría de Arousa. A Praza de Fefiñáns de Cambados acollerá a segunda edición do evento durante a primeira fin de semana de maio.

Segundo a concellería de Cultura, o mercado, que estará ambientado nos séculos XVI e XVII, abrirá o venres 5 ás 19:00 horas. Os asistentes camiñarán entre mercaderes e artesáns revivindo unha das épocas históricas máis relevantes do Concello.

Ambientación musical, animación, postos de comida e espectáculos de circo e lume marcarán unha xornada moi agardada polos cambadeses. A actuación do dragón e os seus músicos, que contará con diversas intervencións ao longo da fin de semana, e o contacontos 'Ashdrok, a árbore contacontos' darán comezo ao primeiro día da feira.

O mercado abrirá o sábado 6 de maio ás 11:00 con 'Os Viaxeiros de Mundos', que inaugurarán unha intensa xornada de actividades. Haberá ruadas e actuacións musicais durante todo o día, que pechará co espectáculo de circo e lume, 'Nómades do Vento'.

A programación continúa durante o domingo 7 no que, segundo o goberno local, "o ritmo estará na rúa" coas ruadas musicais de San Tomé ata Fefiñáns ás 12:00 e ás 17:30 horas. Haberá xogos e espazos infantís todos os días.

A concellería lembra que a partir do martes 2 de maio poderanse alugar traxes históricos no local de Zona Centro da rúa Nova de Cambados.  Dende o goberno local animan a toda a poboación a participar nesta festividade de grande interese histórica.