A partir do domingo 9 de maio, coa fin do estado alarma, apenas haberá restricións en Galicia. A excepción serán os cinco municipios galegos que estarán no nivel máximo de restricións pola alta incidencia da pandemia da covid-19.
Trátase de Padrón, Cualedro, Laza e, na provincia de Pontevedra, Cambados e Vilanova.
Neles, ademais de fixarse o toque de queda ás once da noite e manterse o peche perimetral, que impedirá as entradas e saída sen xustificación, a hostalería estará pechada e só estarán permitidas as reunións entre conviventes.
Estas medidas terán que ser ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O comité clínico fixou ademais, dentro da área sanitaria de Pontevedra, o nivel alto de restricións en Marín, ao que se sumarán outros oito concellos, entre eles os pontevedreses Salceda de Caselas e Gondomar.
Neles, a hostalería só poderá traballar en terraza cun aforo máximo do 50%.
En Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e Soutomaior, pola súa banda, serán de obrigado cumprimento as medidas fixadasno nivel medio de restricións.
No seu caso, bares e restaurantes poderán ocupar o 50% das súas terrazas e o 30% dos seus espazos interiores.
No resto dos concellos galegos estarán no nivel medio baixo de restricións que, entre outras cuestións, permite un aforo do 75% nas terrazas da hostalería e do 50% no interior dos establecementos.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do próximo venres 7 de maio.