Cambados e Vilanova de Arousa, en nivel máximo de restricións, tras a xuntanza do Comité Clínico

Pontevedra
04 de maio 2021

No nivel alto de restricións estará o Concello de Marín, mentres que os municipios de Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e Soutomaior sitúanse en nivel medio, despois de que as autoridades sanitarias revisaran a evolución da pandemia este martes na comunidade autónoma

Cribado en Cambados Concello de Cambados

O comité clínico que se encarga de asesorar á Xunta de Galicia sobre a xestión da pandemia decidiu, como todo facía indicar, que Cambados se una a Vilanova de Arousa na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a asumir o nivel máximo de restricións a partir das 00.00 horas do próximo venres 7 de maio. Dentro de Galicia, outros dous  Concellos, Cualedro e Laza manteñen ese mesmo nivel. Isto supón que os residentes non poderán saír do límite perimetral do municipio e tampouco poden entrar veciños doutras zonas, salvo que cumpran algunha das excepcións contempladas no DOG. Por outra banda, a hostalería deberá pechar, agás para servizo a domicilio, ata as 00.00 horas, ou para recoller no propio local, ata as 21.30 horas.

O comité tamén determinaba o nivel alto de restricións para o municipio de Marín, que estará acompañado por Merca, A Pastoriza, Gondomar, Salceda de Caselas, Padrón, Mesía, Ribeira, Coristanco e A Laracha. No nivel alto de restricións establécese o peche interior da hostalería e a capacidade permitida ao 50% nas terrazas. Ademais, as reunións limítanse ata a catro persoas non conviventes no interior e a seis no exterior dos domicilios.

As medidas do nivel medio serán obrigatorias nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e Soutomaior dentro da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Xunto a eles tamén se atopan Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos, Cambre, Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada e Meira. A hostalería destes municipios pode abrir en interior, pero cunha capacidade limitada ao 30% e ao 50% en terraza.

No resto dos municipios galegos permanecerán as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas as medidas entrarán en vigor o venres 7 de maio.