Caldas converterá a sala de exposicións do auditorio nun centro de interpretación da carballeira e do xardín botánico

Umia
26 de decembro 2024

A intención é adxudicar os traballos antes do verán e que poidan ser unha realidade antes de que remate 2025. Esta actuación será financiada por unha achega dos fondos europeos Next Generation

Carballeira de Caldas Concello de Caldas de Reis

A sala de exposicións do auditorio de Caldas de Reis vaise reconverter nun centro de interpretación da carballeira e do xardín botánico. Así o anunciou este xoves o alcalde en funcións, Manuel Fariña.

A intención é adxudicar os traballos antes do verán e que poidan ser unha realidade antes de que remate 2025. Esta actuación será posible pola subvención dos fondos europeos Next Generation recibida para a mellora integral de todo este espazo natural.

O proxecto de rehabilitación integral da carballeira pretende centrar a experiencia turística na visita ao conxunto exterior, sen embargo, aposta pola creación dun centro de visitantes ou espazo musealizado a maiores para completar o percorrido e achegar maior valor engadido.

Así, segundo explicou Fariña, quérese comunicar os valores intanxibles do BIC (históricos, naturais e sociais, entre outros), innovar nos formatos de presentación, e prestar servizos adicionais, desde atención personalizada ou xestión de grupos ata facilitar aseos.

O lugar escollido para facer este centro de interpretación é o actual auditorio municipal debido á súa "excepcional situación" no acceso á carballeira e dentro da súa contorna de protección.

Concretamente, utilizarase a sala de exposicións, que estará integramente destinada ao proxecto e contará con 200 metros cadrados repartidos en dous andares.

O investimento para a súa musealización superará os 250.000 euros e deberá resolver as necesidades de mellora das actuais instalacións e o interiorismo.

A principal actuación estará destinada á accesibilidade física e centrarase na dotación dun ascensor entre as dúas plantas que compoñen o espazo.

A selección dos contidos do centro de interpretación será outra peza chave. En particular, abordaranse a historia da carballeira como espazo cidadán e a súa importancia na tradición balnearia ou os usos económicos e sociais que tivo dende as súas orixes.

Ademais, tratará a memoria viva con recordos antigos e testemuñas de xeracións actuais e especial atención ás mulleres, os valores biolóxicos do conxunto ou a sensibilización sobre os valores ambientais e tamén aspectos prácticos da visita.

O Concello recibiu a confirmación formal da axuda dos fondos a principios de decembro e o persoal técnico municipal xa está a preparar a documentación para sacar a licitación o contrato de deseño do centro de interpretación e a súa musealización.

Segundo Manuel Fariña, a execución do centro de visitantes coa reconversión da sala de exposicións é compatible co proxecto de restauración da propia carballeira no exterior, polo que a intención é que a mellora de ambos espazos se faga de maneira paralela.