O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, confirmou que o Concello prorrogará o orzamento aprobado en 2024 para este exercicio.
"Entendemos que é a mellor decisión, tendo en conta que hai investimentos do pasado exercicio que aínda non se puideron executar, debido aos tempos administrativos", explicou.
Pérez Gulín lembrou que a partida prorrogada supón "dar continuidade a unhas contas con cifras históricas", e que xa en 2024 supuxeron un incremento importante en diferentes áreas, como Deportes, Cultura ou Servizos Sociais. Neste último apartado, precisamente, mantense o incremento de 300.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
"Deste xeito, poderemos traballar con tempo no orzamento de 2026, consolidando esa filosofía que temos de mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e seguindo a priorizar a dotación de servizos e prestacións básicas, algo no que continuamos a traballar", recalcou.
Jacobo Pérez fixo este anuncio nun almorzo informativo celebrado este luns para dar conta da xestión realizada durante o seu primeiro mes á fronte do goberno local, así como para falar dos proxectos e iniciativas nos que a administración local está a traballar.
Segundo explicou o rexedor socialista, as primeiras semanas á fronte da Alcaldía centráronse en "establecer e axilizar canles directas de atención á cidadanía".
Con respecto á folla de ruta marcada de aquí ao final do mandato, nestes primeiros meses do ano vanse acometer obras por valor de preto de 800.000 euros.
"Son traballos en favor da mellora dos servizos básicos, algo que para nós é imprescindible, especialmente no rural, así como na recuperación de espazos públicos e novas áreas de lecer en lugares emblemáticos como A Tafona ou a dotación de novas prazas de aparcamento", lembrou Pérez.
Ademais, nestas primeiras semanas na Alcaldía xa mantivo reunións de traballo con outras institucións, como a Deputación de Pontevedra ou Zona Franca, e solicitou tamén encontros con distintos departamentos da Xunta de Galicia, "para axilizar e dar saída a proxectos de calado".
O alcalde de Caldas de Reis tamén recordou a licitación do novo contrato para o mantemento e limpeza de cunetas nas vías do rural, cun investimento de 90.000 euros, así como a adxudicación das obras para a dotación de rede de saneamento na contorna da igrexa de Saiar e a inminente apertura do novo local para o Fogar do Maior.
O alcalde tamén destacou a boa sintonía e o traballo que está a manter o goberno de coalición.
Por último, Jacobo Pérez amosouse convencido de que este mandato será no que se consolide a ansiada ampliación de chan industrial.
Foi un tema abordado na reunión mantida co delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, e da que xurdiu o compromiso de ter listo en dous meses o estudo de viabilidade do polígono industrial Paradela-Carracedo. Ademais, seguiranse abordando fórmulas para extender a área industrial de Veigas de Almorzar e do Pousadoiro.