O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, confirmou este martes que o goberno local ten previsto a construción dunha nova depuradora de tratamento de augas residuais na parroquia de Santa Mariña de Carracedo.
Trátase dunha infraestrutura que dará servizo aproximadamente a medio milleiro de veciños da localidade.
O proxecto conta co visto bo da Consellería de Economía e Industria e agora está á espera da autorización por parte de Augas de Galicia para continuar con toda a tramitación.
A construción da nova depuradora contará cun orzamento que ascende a uns 270.000 euros e será financiada con cargo ao remanente de tesourería correspondente ao exercicio de 2024 o que para Jacobo Pérez "deixa ás claras a boa xestión que se está a realizar en materia económica".
Por outra banda, está previsto que nas vindeiras datas comecen as obras para a implantación dunha nova rede de saneamento de augas residuais no núcleo da Igrexa, en Saiar.
Precisamente, o alcalde, acompañado polo edil da parroquia, Juan Carlos Ortigueira, estivo este martes na zona na que se acometerán os traballos, que serán executados pola empresa Pérez Portela SL.
A adxudicataria xa presentou toda a documentación necesaria, incluído o pertinente plan de seguridade, polo que as tarefas iniciaranse de xeito inminente.
Ao longo dos últimos días estanse a repartir cartas informativas entre os residentes aos que afectarán as obras, nas que que se lles explican os detalles dunha actuación que ten un orzamento de 199.310 euros.
Contan cun prazo de execución de tres meses nos que pode haber cortes de tráfico, ademais doutras restricións puntuais.
O proxecto finánciase con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2024.
Contempla a instalación de varios colectores soterrados, coas súas correspondentes acometidas domiciliarias. A maiores, procederase á dotación dunha estación de bombeo, coa súa correspondente impulsión.
Por último, o alcalde informou tamén de que os técnicos municipais están a redactar un proxecto para ampliar a dotación de saneamento en San Clemente, concretamente no tramo entre Faramontáns e Baltar.