Caldas recibirá 569.000 euros para a rehabilitación do xardín botánico e da carballeira

Umia
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou este investimento e salientou que estas intervencións xeran actividade económica e emprego

A Carballeira de Caldas Concello de Caldas de Reis

O Goberno de España destinará 569.562,34 euros á recuperación do xardín botánico e da carballeira de Caldas de Reis, a través do Programa 2% Cultural.

Esta actuación forma parte dun paquete de axudas de 4,9 millóns de euros anunciado este mes de xaneiro para a recuperación do patrimonio histórico en catro concellos galegos.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou que estas intervencións xeran actividade económica e emprego tanto en espazos urbanos como rurais, á vez que fomentan un modelo de turismo sostible e de calidade.

O Programa 2% Cultural, xestionado polos ministerios de Vivenda e Axenda Urbana e o de Transportes e Mobilidade Sostible, suma xa un investimento total de 13 millóns de euros en Galicia para a conservación e posta en valor do patrimonio histórico.

O resto de partidas van destinadas á restauración da cuberta e a rehabilitación integral da Torre dos Andrade, en Pontedeume, con 273.386,75 euros; da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, con 1.841.817,15 euros e á proposta para a creación dun arquivo histórico catedralicio e diocesano en Tui.