Caldas pon data ao seu magosto: o 9 de novembro na Praza José Sesto Casal

Umia
23 de outubro 2024

O cambio de escenario débese ao interese do Concello por dotar de actividade todos os espazos públicos da vila, neste caso nunha contorna recollida no caso de chuvia ou vento

Castañas asadas preparadas para un magosto | wirestock en Freepik

Novembro está á volta da esquina e os amantes dos magostos comezan a prepararse. Unha das primeiras vilas en anunciar os seus plans para esta festa tradicional é Caldas de Reis.

O magosto da vila termal será o sábado 9 de novembro e estreará unha nova localización, a Praza José Sesto Casal, segundo anunciou o goberno municipal.

O cambio de escenario débese ao interese do Concello por dotar de actividade todos os espazos públicos da vila, neste caso nunha contorna recollida no caso de chuvia ou vento.

Así, instalarase unha carpa de ser preciso, evitando así as cancelacións polo mal tempo que se produciron en edicións anteriores.

Outra das novidades deste ano será que a festa deixarase sentir na vila antes de que comece o magosto en si mesmo.

O grupo Os druídas realizará un pasacalles durante as horas previas para animar á veciñanza a que se achegue á celebración.

Xa ás sete e media da tarde comezará o tradicional reparto de máis de douscentos quilos de castañas asadas e viño novo -totalmente de balde-, que seguirá amenizado por Os druídas e tamén por Son das tabernas, o grupo de Perdecanai liderado por Johnny Güimil.

"Temos garantía dunha festa animada", destacou o tenente de alcalde, Manuel Fariña.

O representane municipal celebra que este magosto sexa un evento interxeneracional, grazas á colaboración da Asociación de Xubilados de Caldas, permitiendo que a rapazada e a xente maior se xunte arredor do lume e das castañas.