Caldas pide a mellora da pavimentación do tramo de Camiño Portugués que transcorre por Arcos da Condesa

Umia
10 de novembro 2021

O Concello está á espera dos informes de Patrimonio e Augas de Galicia para iniciar a redacción do proxecto

Tramo do Camiño Portugués en Arcos da Condesa Concello de Caldas

O Concello de Caldas de Reis espera os informes de Patrimonio da Xunta de Galicia e de Augas de Galicia para desenvolver o proxecto de mellora do tramo do Camiño de Santiago que percorre os lugares de Ameal e Foxacos en Arcos da Condesa, ata a súa chegada a Tivo, en Santa María de Caldas.

A solución proposta polos servizos técnicos do Concello pasa polo pavimentado en formigón armado do Camiño no tramo central de 790 metros en Foxacos cun carril de 2,70 metros de anchura para que poidan circular os vehículos sen danar o firme, así como nos accesos ás diversas vivendas. Nos outros dous tramos de 985 metros proponse un pavimentado de cemento

A actuación contempla tamén a mellora das cunetas para asumir os caudais nas avenidas que provocan actualmente desbordamentos e a degradación do actual firme de xabre que presenta numerosas fochas debido ao ineficiente sistema de evacuación da auga superficial, así como un bombeo na rede de saneamento para dar servizo a toda esa zona.

O concelleiro delegado de Arcos da Condesa e de Facenda, Jacobo Pérez, destaca que con esta actuación “pretendemos ofrecer unha solución á unha longa demanda veciñal ao mesmo tempo que mellórase a accesibilidade e a seguridade das persoas que percorren o Camiño Portugués nun tramo polo que tamén circulan algúns vehículos”.

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, confía nunha rápida resposta de Patrimonio e de Augas de Galicia ás solicitudes presentadas o pasado 19 de agosto, para non demorar máis a redacción do proxecto.