Caldas contratará dez persoas para os servizos municipais de Medio Ambiente, Obras e Cultura

Umia
03 de febreiro 2023

Para poder acceder a esta oferta, as persoas interesadas deben estar empadroadas en Caldas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e teñen que estar dispoñibles para o traballo. O SEPE é o encargado de realizar a primeira selección

Casa consistorial de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis contratará a dez persoas desempregadas para desenvolver servizos de interese xeral e social nos departamentos de Medio Ambiente, Obras e Cultura do propio concello, grazas á axuda aprobada pola Deputación de Pontevedra de case 170.000 euros, procedentes do Plan Concellos.

O primeiro tenente de alcalde, Manuel González, informou este venres de que esta mesma semana notificaron esta axuda coa que Caldas contratará durante nove meses, en xornada de 30 horas semanais, a dous maquinistas, dous oficiais de primeira albaneis, tres peóns de obra pública, dous peóns de limpeza e un/a auxiliar administrativo/a.

Para poder acceder a esta oferta, as persoas interesadas deben estar empadroadas en Caldas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e teñen que estar dispoñibles para o traballo. O SEPE é o encargado de realizar a primeira selección.

Manuel González destaca que con esta nova axuda da Deputación "volvemos contribuír á creación de emprego en Caldas, priorizando aos colectivos con maiores necesidades de axuda e mellorando a prestación de servizos á cidadanía cun importante reforzo de persoal no próximos nove meses".