Caldas aprobará o próximo mes os seus orzamentos do 2021 con máis gasto social e apoio á economía local

Umia
21 de maio 2021

As contas roldarán os 7 millóns de euros e inclúen partidas para a reactivación do turismo, a hostalería ou o comercio, así como investimentos para a xestión de residuos ou para potenciar os servizos no rural

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, junto al concelleiro de Facenda, Jacobo Pérez Concello de Caldas

O reforzo da atención social e as políticas de recuperación económica despois da pandemia serás os dous eixos principais sobre os que virarán os orzamentos que o goberno local de Caldas prepara para este 2021.

O orzamento roldará os 7 millóns de euros e servirá tamén para manter a aposta por un crecemento sostible, con investimentos relacionados coa mellora ambiental e un amplo protagonismo para programas sociais e de atención directa ás persoas, sen deixar de atender cuestións como a cultura, o turismo ou o deporte. 

O reforzo do gasto social pola pandemia reflectirase nun aumento de 60.000 euros sobre as cantidades previstas en anos anteriores que permitirán facer fronte ás novas necesidades derivadas da pandemia. Así mesmo, reservarán importantes partidas para a reactivación do turismo, a hostalería e comercio, incluídas as axudas directas procedentes da Deputación, que ascenderán a 100.000 euros. 

Outro dos obxectivos é o completar o saneamento en todo o municipio, para o que se contempla un investimento de 800.000 euros. A inclusión de partidas para a compostaxe será outra das partidas novas do documento, que recolle tamén un incremento de 100.000 euros en investimentos para o rural. 

"Serán uns orzamentos equilibrados que permitirán dar continuidade á boa situación económico-financeira municipal. Caldas segue pertencendo ao selecto club de concellos con débeda cero e levamos dúas lexislaturas completas non só sen modificar as taxas municipais senón que incluso as reducimos", sostén o alcalde Juan Manuel Rey. 

O obxectivo do goberno local é aprobar os orzamentos do ano 2021 o próximo mes.