Caldas amplía ata os 100.000 euros as axudas directas aos seus hostaleiros

Umia
23 de febreiro 2021

A esta liña de axudas, Caldas destinará máis do 1% do orzamento municipal, uns 72.000 euros, aos que se sumarán os máis de 28.000 euros que aportará a Deputación de Pontevedra dentro do seu propio plan de rescate, que xestionarán os concellos

Rúa Real de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

Ata 100.000 euros en axudas directas vai a destinar o goberno municipal de Caldas para apoiar os sectores máis afectados pola crise creada pola covid-19, principalmente os hostaleiros que tiveron que pechar polas restricións.

A esta liña de axudas, Caldas destinará máis do 1% do orzamento municipal, uns 72.000 euros, aos que se sumarán os máis de 28.000 euros que aportará a Deputación de Pontevedra dentro do seu propio plan de rescate, que xestionarán os concellos.

Estas axudas, segundo traslada o goberno, vanse a incluír no orzamento municipal para 2021, que se prevé aprobar no pleno de marzo.

A maiores, o executivo local ten previsto reforzar as partidas destinadas á promoción turística e comercial de Caldas. A elas vai a destinar uns 100.000 euros para reactivar a economía local.

Para isto, o Concello está a estudiar coa Asociación de Hostalería de Caldas a renovación do convenio de colaboración para apoiar as súas actividades, como tamén farán coa Asociación Centro Comercial Aberto.

O alcalde, Juan Manuel Rey, lamenta que a Xunta de Galicia non destine máis recursos ás axudas a este sector, "como era a súa obriga" tras ordenar os peches de determinadas actividades e negocios e contar coas transferencias do goberno central.